O Concello da Estrada, gobernado polo PP, organiza un evento atlético onde se discrimina gravemente á muller


Xosé Magariños esixe ao alcalde José López a inmediata equiparación dos premios entre homes e mulleres do I Memorial Manuel Bergueiro

O BNG da Estrada, a través do seu portavoz municipal, Xosé Magariños, esixe a inmediata rectificación dos premios da categoría absoluta do I Memorial Manuel Bergueiro. Este memorial de atletismo, que se levará a cabo o vindeiro 4 de setembro, contempla, tal e como se pode comprobar no regulamento do evento, uns premios para a categoría absoluta feminina de 100, 50 e 25 €, cando na categoría masculina é de 300, 200 e 100 euros para os tres primeiros clasificados e clasificadas.

Xosé Magariños considera que “isto é unha gravísima discriminación por cuestión de xénero, e polo tanto é absolutamente inadmisíbel, máxime cando o concello da Estrada conta cun plano de igualdade municipal, que neste caso estase a ignorar flagrantemente, e que en reiteradas ocasións se teñen aprobado mocións en contra da discriminación da muller, que agora quedan en papel mollado se non hai unha rectificación por parte do goberno municipal do Partido Popular”.

“Mais, se xa é grave que o Concello ignore os decretos, planos de igualdade e mocións que aproba o pleno da corporación municipal, o que xa non ten nome é que obvie o regulamento da RFEA que rixe para este tipo de eventos, que se menciona en diversos apartados das bases desta carreira, e que no artigo 17 di claramente que os premios serán iguais tanto para homes como para mulleres”, engade o portavoz municipal do BNG.

Xosé Magariños esixiulle ao Alcalde a “inmediata modificación das bases deste memorial de atletismo, equiparando a contía dos premios de homes e mulleres”. “De non facelo”, engadiu o portavoz do BNG, “o concello estará cometendo unha grave discriminación por cuestión de xénero, entre as que se atopan moitas corredoras do noso concello, onde hai dunha excelente canteira.” “Ademais”, engadiu Magariños, “o concello da Estrada ten un compromiso coa igualdade de xénero, e esta non só se circunscribe ao eido laboral, senón en todos os aspectos da vida, mesmo no deporte.”

O concelleiro do BNG, rematou dicindo que “agardo do alcalde unha rectificación dos premios deste memorial atlético; de non facelo, o BNG resérvase elevar esta queixa á Secretaría Xeral de Igualde da Xunta de Galiza para que tome as medidas oportunas”.

Advertisements