Aínda non están en vigor as subvencións para a realización de rozas preventivas e ás cooperativas agrarias estradenses aprobadas hai tres meses


Para o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, esta é unha proba máis da lentitude na xestión do Partido Popular, que está actuar con total e absoluta irresponsabilidade

O 20 de maio, goberno municipal do que formaba parte o BNG, aprobou as bases de dúas innovadoras convocatorias de axudas dirixidas ao rural estradense. A primeira delas son as bases reguladoras para a concesión de subvencións a particulares para a realización de traballos preventivos mediante a xestión da biomasa vexetal, dotadas con 15.000 €, destinadas a particulares para apoiar os traballos de limpeza cunha subvención de ata un 70% do gasto nas redes de protección nas parroquias con risco de incendio moi alto ou alto. E a segunda delas as bases reguladoras para a concesión de subvencións a cooperativas agrarias con base no Concello da Estrada, cunha dotación de 12.000 €.

Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG, vén de de denunciar publicamente que tres meses máis tarde “estas subvencións seguen a durmir o soño dos xustos, xa que aínda non están en vigor”. Para Magariños, “isto é unha proba máis da lentitude coa que está a actuar politicamente o Partido Popular, e reiteradamente denunciada polo BNG.”

“É unha irresponsabilidade por parte do goberno do PP ”, engade o portavoz do BNG, “que a subvención se lle dá particulares para a realización de traballos preventivos mediante a xestión da biomasa vexetal, un mecanismo que axudaría a previr os incendios forestais, un verán como este, seco e cun Índice de Risco Diario de Incendio Forestal -IRDI- declarado para o noso concello de alto, moi alto e extremo, segundo as zonas, non estea aínda en vigor, máxime cando a Consellaría de Medio Rural gobernada polo PP recortou drasticamente os orzamentos de prevención de incendios.” “Un despropósito deste goberno do PP”, remachou o portavoz do BNG.

Neste sentido, subliña Xosé Magariños, “malia que as subvencións teñen carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro, non sei a a que agarda o PP, a que acabe o verán?”, pregúntase o portavoz do BNG.

A respecto das subvencións ás cooperativas agrarias Xosé Magariños afirmou que “diante da situación de crise económica e máis tendo en conta as duras condicións que atravesa o sector agro-gandeiro, cun importante peso e maior potencial no noso concello, estas subvencións, de estar en vigor, axudarían ás cooperativas a paliar gastos de investimento (maquinaria, mellora de instalacións, relacionados coa difusión e comercialización da produción dos seus asociados, etc).”.

“O PP xa ten demostrado abondo que o sector primario e o rural só lle interesa para os votos ”, engadiu Xosé Magariños, “pero por unha vez, poderían deixar de lado a súa teima por tapar ou botar abaixo todo o que fixo o BNG no anterior goberno municipal e aplicar xa estas dúas novidosas liñas de axuda, con partidas específicas aprobadas nos Orzamentos Municipais de 2011, promovidas polo BNG ao fronte da Concellería de Medio Rural.”

Advertisements