O PP presume de austeridade e de que non hai cartos, pero nomea tres cargos de confianza


Xosé Magariños di que José López é un auténtico demagogo, porque fartouse de criticar ao anterior alcalde por ter tres secretarias e el fai exactamente o mesmo

 

Xosé Magariños Maceira, concelleiro do BNG

Xosé Magariños Maceira, concelleiro do BNG

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxeo nomeamento de tres cargos de confianza do alcalde da Estrada, José López, do Partido Popular. Así, o BNG da Estrada, saíu ao paso desta noticia que en palabras do seu portavoz municipal, Xosé Magariños, “bota por terra o seu tan traído e levado discurso da austeridade, facendo todo o contrario do que dixo que ía facer, e todo iso despois de case tres meses anunciando que non hai cartos para obras ou para recoller o lixo, como dixo hai uns días.” “Para pagar cargos de confianza, si que os hai”, engadiu o portavoz municipal do BNG.

No citado boletín da provincia noméase a Enrique Prieto Porto, Director de Réxime Interno, a Montserrat Carracedo Goldar, Xefa de Gabinete da Alcaldía, e a Laura Baliño Gómez, Secretaria do Alcalde. A este respecto, o portavoz do BNG, preguntouse “que atribucións terá o director de réxime interno, xa que non pode delegar funcións da alcaldía nun cargo non electo como é o caso de Enrique Prieto, funcionario adscrito ao departamento de urbanismo.” E engadiu, Xosé Magariños, “neste sentido gustaríame saber tamén como se vai a suplir as funcións desa praza, cuxa persoa é agora persoal de confianza do alcalde; a ver se vai resultar que aparte dos cargos de confianza, o PP contrata a outra persoa para suplir esta baixa.”

Xosé Magariños non dubidou de cualificar ao Alcalde, José López, de “auténtico demagogo, porque fartouse de criticar ao anterior alcalde por ter tres secretarias e el fai exactamente o mesmo.” E pediulle ao alcalde que “sexa responsábel e coherente, os tempos non están para despilfarrar cartos deste xeito, A Estrada ten necesidades máis importantes que pagar tres cargos de confianza do PP.”

Advertisements