É totalmente falso que non haxa crédito para manter o número de traballadores que recollen o lixo


Para Xosé Magariños, o alcalde e o Partido Popular están nunha particular campaña de sensibilización que emprenderon desde o primeiro día para preparar unha suba de impostos municipais e xustificar recortes nas prestación de servizos do concello

Xosé Magariños e Xosé Manuel Baños

Xosé Magariños e Xosé Manuel Baños

Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG, e Xosé Manuel Baños, responsábel local do BNG, compareceron hoxe perante os medios de comunicación locais para contestar as palabras do alcalde, José López, sobre a falta de recursos económicos para pagar os salarios dos 48 operarios da recollida do lixo.

O portavoz municipal do BNG explicou que “o concello ten asinado un convenio co INEM, e abeiro do mesmo traballadores e traballadoras en desemprego que perciben prestación traballan no Concello, completandolles as retribucións.” “Por outra parte”, engadiu Magariños, “o servizo de recollida de lixo funciona basicamente con este persoal, mais tamén hai persoal de convenio noutros departamentos do concello (obras, bacheo, oficinas, …), que suma un total de 20 traballadores, moi lonxe dos 48 que López dixo que había agora.” Neste sentido, Xosé Magariños preguntouse “por que o Alcalde duplicou o persoal destinado a limpeza, cuestión que non se percibe vendo as rúas do casco.”

Por outra banda, o portavoz municipal do BNG dixo que “é totalmente falso que non haxa crédito para manter o número de traballadores incluídos no convenio até final de ano, xa que se incrementou en 60.000 € con respecto ao ano 2010, incremento que se considerou necesario á vista do aumento do número de desempregados no concello da Estrada, e máis a baixada doutros programas como por exemplo, o recorte na subvención da Consellaría de Traballo para os plans de cooperación foi salvaxe pasando de 20 traballadores a 1.

Para Xosé Magariños “o alcalde e o Partido Popular están nunha particular campaña de sensibilización que emprenderon desde o primeiro día para preparar unha suba de impostos municipais e xustificar recortes nas prestación de servizos do concello, ao tempo que busca coartada para non dar cumprimento ás súas promesas electorais.”

Comisións
Tanto Xosé Magariños como Xosé Manuel Baños, destacaron que “é unha mágoa que este tipo de diferenzas, este tipo de problemas, non se debatan nas comisións, organismos que non se convocan desde hai tres meses; nin a de Facenda nin a do PXOM, por exemplo.”

Cargos de confianza
O alcalde José López saíu ao paso das declaracións efectuadas onte polo portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, a respecto dos cargos de confianza nomeados polo novo rexedor. O alcalde recordoulle ao concelleiro do BNG que este asunto puido tratalo no pleno do mes de xullo. Neste sentido, o portavoz do BNG, contestoulle hoxe que “o alcalde anda un tanto despistado, xa que o pleno celebrouse o día 11 de xullo, e os nomeamentos son do día 15, polo que é imposíbel que o BNG tivera coñecemento dese asunto a esas alturas de mes.”

Advertisements