Por culpa do PP en 2012 pagaremos máis pola auga que consumimos


“Este incremento do prezo de auga, ven pola aplicación do Canon da Auga, que recolle esta Lei que aprobou o Partido Popular, co voto tamén do Alcalde, José López, e que substitúe ao Canon de Saneamento actual”

A Lei de Augas, que foi aprobada en solitario polo Partido Popular no Parlamento Galego en outubro do ano 2010, afronta estes días os últimos trámites burocráticos antes de que se execute esta Lei, xa que está en fase de redacción e da súa aprobación final o regulamento polo que se rexerá a Lei de Augas.

O BNG da Estrada, logo de estudar polo miúdo este regulamento, considera, a través do seu portavoz municipal, Xosé Magariños, que “unha vez se aprobe este regulamento os veciños e veciñas da Estrada pagaremos máis pola auga que consumimos, incremento que se fará efectivo a partires de xaneiro de 2012”. “Este incremento do prezo de auga, ven pola aplicación do Canon da Auga, que recolle esta Lei que aprobou o Partido Popular, co voto tamén do Alcalde, José López, e que substitúe ao Canon de Saneamento actual”, engadiu o portavoz municipal do BNG.

“Esta suba de impostos, xa que o Canon da Auga é un imposto, oscilará en función do consumo, mais as nosas estimacións varían dun incremento do 121% para unha casa habitada por unha persoa e cun consumo mensual de 6 metros cúbicos, ao 60% no caso de que viva dúas persoas cun consumo de 10 metros cúbicos ao mes”, afirmou Xosé Magariños.

“Mais”, engadiu o portavoz municipal do BNG, “este incremento aínda pode ser maior de se aplicar o Canon de Verquido, se a Xunta de Galiza se fai cargo da EDAR de Aguións, previsto para 2012”.

“De todos os xeitos”, subliñou Xosé Magariños, “este incremento só lle afecta aos veciños e veciñas que teñan da traída pública, malia que o PP non mudou a Lei de Augas para deixar fóra aos veciños do rural, pero, froito da campaña de información e de recollida de sinaturas en contra desta lei levada adiante polo BNG, o PP exclúe temporalmente aos veciños e veciñas con se subministren de pozos e traídas particulares; mais isto é temporal, no intre que a Xunta queira, con só modificar unha palabra do regulamento, todo o mundo pagará o Canon da Auga”.

“Con todo, que quede claro que a vontade do Partido Popular no futuro é cobrar o canon da auga das traídas veciñais e pozos particulares, como o demostra o feito de que no proxecto de regulamento inclúa detalladamente o método de cobro nestes casos”, subliñou O portavoz municipal do BNG.

“Como dixen anteriormente,” afirmou Xosé Magariños “esta subida de impostos farase efectiva a partires de xaneiro de 2012, unha subida que contradí a propaganda do PP, na que presumen de que eles nunca soben os impostos, cando, como estamos a ver, é xusto o contrario, pagarán máis quen menos consuma.”