O BNG critica o procedemento de elección do xerente da radio municipal


Xosé Manuel Baños votou en contra da proposta do Alcalde e criticou que non se fixera un procedemento de contratación como se fai con calquera outro traballador da Fundación, cunha oferta pública, con baremación de méritos, entrevista, etc, e non do xeito que se fai agora, unha proposta emanada directamente do Alcalde, un procedemento que seguiu tamén o anterior alcalde, José Antonio Dono, cando substituíu ao anterior xerente”

Logo das eleccións municipais, hoxe constituíuse o padroado da Fundación Cultural da Estrada, na que teñen representación todos os partidos políticos do concello. Por parte do BNG, o representante na Fundación é Xosé Manuel Baños, Responsábel Local do BNG da Estrada.

Coa constitución do padroado, a Fundación abordou, entre outros asuntos, o nomeamento do xerente da radio municipal, dependente da Fundación Cultural. O alcalde e presidente deste organismo, así como os representantes do Partido Popular, “xa traían pechada unha proposta, da que só cabía votar a favor ou en contra”, explicou o representante do BNG.

Neste sentido, Xosé Manuel Baños criticou “que non se fixera un procedemento de contratación como se fai con calquera outro traballador da Fundación, cunha oferta pública, con baremación de méritos, entrevista, etc, e non do xeito que se fai agora, unha proposta emanada directamente do Alcalde, un procedemento que seguiu tamén o anterior alcalde, José Antonio Dono, cando substituíu ao anterior xerente”.

“O BNG votou en contra deste nomeamento, non pola persoa proposta polo alcalde, senón polo procedemento que se seguiu”, indicou o representante do BNG; “o xerente da radio non pode depender da cor política do goberno municipal, e debe dar conta do seu traballo no seo da Fundación, que é quen o nomea, e non no despacho do alcalde de turno.”

Cobertura de zonas de sombra de A Estrada Dixital
Noutra orde de cousas, o representante do BNG na Fundación Cultural, tamén solicitou que se “atendan as zonas de sombra da rede wifi de A Estrada Dixital, como por exemplo, no lugar de Vilariño, en Requián, cuxos veciños non teñen acceso, cando a escasos 500 metros outros veciños si o teñen”, explicou Baños.

Alén disto, Xosé Manuel Baños, recordoulle ao presidente da Fundación, o Sr. López, que, “despois de cinco anos da licitación aínda segue sen funcionar a administración electrónica, que fora adxudicada nos últimos meses do anterior mandato do Partido Popular, sendo alcalde o Sr. Campos”.