O alcalde da Estrada considera ilegal a bonificación 37% dos recibos do IBI


“Quero recordarlle ao alcalde, que foi o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que declarou válida esta bonificación, polo que a el non lle queda outra que acatar a sentenza xudicial”, manifestou Xosé Magariños.

Manifestación contra a suba da contribución en 2004

Manifestación contra a suba da contribución en 2004

O alcalde da Estrada, José López Campos, nunha entrevista nun medio de comunicación local, vén de afirmar que a bonificación do 37% do IBI é “supostamente ilegal”; unha bonificación do IBI, da que se benefician todos os veciños e veciñas da Estrada, por mor dunha ponencia de valores mal feita en tempos do goberno popular de Ramón Campos Durán, do que formaba parte o actual alcalde da Estrada.

O portavoz municipal do BNG saíu ao paso destas manifestacións do Alcalde a respecto da bonificación do IBI. Xosé Magariños dixo que “a bonificación non é ilegal, e o Sr. José López, debería acordarse, xa que formaba parte daquel lamentábel goberno do Partido Popular.” “Esta bonificación non é ilegal, non porque o diga o BNG, senón porque hai unha sentencia xudicial firme que así o acrdita”, engadiu Xosé Magariños.

“Está cuestionando o sr. López unha sentencia xudicial?”, pregúntase o portavoz do BNG. “Quero recordarlle ao alcalde, que foi o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que declarou válida esta bonificación, polo que a el non lle queda outra que acatar a sentenza xudicial”, manifestou Xosé Magariños.

José López con Chito Campos cando este era alcalde

José López con Chito Campos cando este era alcalde

“Quero recordarlle tamén ao sr. Alcalde,” engadiu o portavoz do BNG, “que esta bonificación é transitoria até que haxa unha nova ponencia de valores, -ben feita, por suposto-, e iso non se pode facer até que haxa un novo Plan Xeral, do que, a estas alturas, a oposición non temos información algunha da súa tramitación, porque non se convocou ningunha comisión de urbanismo”, criticou Xosé Magariños.

“E quero recordarlle por último ao Alcalde”, explicou Magariños, “que esta bonificación conseguírona os veciños e veciñas da Estrada, despois dunha forte contestación social, e dun peche no concello de 50 días, unha mobilización que tivo como único aliado ao BNG, mentres que PP e PSOE unían as súas forzas contra os intereses do pobo da Estrada.”

“Desde o BNG da Estrada xa alertamos da posíbel subida de impostos municipais”, afirmou o portavoz do BNG, Xosé Magariños, “e declaracións como as efectuadas polo alcalde o domingo, non fan máis que aumentar as nosas sospeitas”. “Se o PP elixe o camiño doado, subir os impostos, no canto de facer unha xestión eficiente dos recursos do concello”, manifestou Magariños, “os veciños e veciñas da Estrada faranlle tomar o camiño correcto, como xa fixeron hai sete anos”.

Advertisements