O PP aproba unha subida do IBI do 60% no rural e na vila


O BNG votou en contra desta medida por considerala unha inxustiza e unha traizón ao pobo da Estrada

Manifestación contra a suba da contribución en 2004

Manifestación contra a suba da contribución en 2004

A maioría absoluta do PP confirmou a eliminación da bonificación dos recibos do IBI do rural e da vila da Estrada. A subida será dun 60%, unha cifra inasumíbel neste contexto de crise económica, que azouta especialmente ao pobo da Estrada.

Para o BNG esta subida non só é unha inxustiza, xa que vai repercutir especialmente nas rendas máis baixas, e é tamén unha traizón ao pobo da Estrada, xa que estas bonificacións, conseguidas grazas ao único apoio do BNG, e despois dun conflito que mantivo pechados no concello durante 50 días a moitos veciños e veciñas da Estrada, viñan a corrixir unha ponencia de valores mal feita e aprobada polo PP en 1997.

Non é certo, como afirma o concelleiro de facenda, que a ordenanza municipal vaia contemplar exencións as rendas máis baixas e con poucos ingresos, xa que este tipo de exencións non están permitidas pola lei.

Non é certo tampouco, que a valoración catastral da ponencia xa quedou corrixida co paso do tempo, xa que un informe encargado polo concello en 2007 afirma xusto o contrario.

Neste sentido, non BNG consideramos que é unha traizón ao pobo da Estrada, xa que esta bonificación, suprimida agora polo PP, corrixía unha problema evidente de sobrevaloración catastral, até que houbera unha nova ponencia de valores, unha vez se aprobe o PXOM, unha sobrevaloración que aínda seguen vixente.

No BNG consideramos que o concello debe esgotar todas as vías antes de subir os impostos, como é a aprobación do PXOM, que permitiría actualizar a ponencia aos valores reais, ao tempo que reactivaría a economía local.

Para o BNG da Estrada esta subida de impostos municipais é consecuencia directa das políticas de PP e PSOE do déficit cero, consagradas na reforma da Constitución que pactaron e aprobaron estes dous partidos maioritarios no Estado Español; unhas políticas que, como no caso da Estrada, consistentes, por unha banda na redución de servizos públicos e privatizacións, e pola outra, en subidas de impostos.

Advertisements