O BNG reclama a mellora do acceso á autoestrada Santiago-Ourense no Alto da Rocha


“Un desnivel tan pronunciado e unha curva tan pechada en tan curto espazo fan inservíbel e perigoso este acceso para os vehículos pesados, tendo que ir a Chapa, no Concello de Silleda, para entrar na autoestrada Santiago-Ourense” explicou Magariños

Cruce do Alto da Rocha

Cruce do Alto da Rocha

O BNG da Estrada vén de rexistrar no concello unha moción para a súa aprobación en pleno na que solicita do Ministerio de Fomento e da Xunta a mellora do acceso á autoestrada Santiago-Ourense (AP-53) no Alto da Rocha.

Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG, manifestou que “este acceso tal e como está construído é inútil, e mesmo perigoso, para os transportistas de camións pesados e articulados, poñendo en risco as súas propias vidas e a dos demais usuarios da vía”.

“Un desnivel tan pronunciado e unha curva tan pechada en tan curto espazo fan inservíbel e perigoso este acceso para os vehículos pesados, tendo que ir a Chapa, no Concello de Silleda, para entrar na autoestrada Santiago-Ourense” explicou Magariños.

O portavoz do BNG demanda con esta moción “o acordo de todas as forzas políticas para que o Ministerio de Fomento, titular da N-640, e a Xunta, titular da PO-505, melloren substancialmente ese acceso, non só porque son moitos os transportistas que así o demandan, boa parte deles da Estrada, senón porque, se non arranxa, A Estrada quedaría afastada desta importante vía de comunicación”.

“Por outra banda,” engadiu o concelleiro nacionalista, “independentemente do resultado da votación en pleno, xa adiantamos que esta será unha das emendas que o BNG presentará aos orzamentos da Xunta e do Estado”.

Advertisements