O PP tira ao lixo 129.000 € do aplicativo de administración electrónica que contratou en 2006


En 2005 o PP tamén contratara por 247.000 euros o portal municipal, que foi substituído en 2010 por un libre e gratuíto, e o goberno popular xa está pensando en cambialo, evidentemente por outro privativo e caro de manter

O PP ameaza con recortes nos servizos sociais, na recollida do lixo, etc, para subir a contribución un 60% para a continuación deixar tirado nun caixón o aplicativo de administración electrónica que custou 129.000 euros en 2006

Segundo noticias aparecidas onte na prensa o alcalde da Estrada, o popular José López ten dentro dos seus obxectivos a implantación da administración electrónica, que segundo o mandatario local, diminuiría “notablemente o consumo de papel”.

A este respecto o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, declarou aos medios da localidade que “o aforro en papel paréceme correcto, todo o que se aforre é benvido, é paréceme unha boa media a implantación da administración electrónica, algo que o BNG demandou en múltiples ocasións no seo da Fundación Cultural A Estrada encargada da súa implantación”.

“Pero o que é de escándalo”, engadiu Xosé Magariños, “é que despois de case 5 anos da adxudicación do contrato de administración electrónica feita polo Partido Popular en 2006, un proxecto que custou 129.000 euros, se veña agora a dicir que a implantación está a anos luz, e que se barallan outras alternativas”.

“Pero non se queda aí a cousa”, explicou o concelleiro nacionalista, “en 2005 o PP tamén contratou por 247.000 euros o portal municipal, que foi substituído en 2010 por un libre e gratuíto, e o goberno municipal xa está pensando en cambialo, evidentemente por un privativo e cun mantemento caro”.

“O PP ameaza con recortes nos servizos sociais, na recollida do lixo, etc, para subir a contribución un 60% para a continuación deixar tirado nun caixón o aplicativo de administración electrónica que custou 129.000 euros en 2006”, explicou Xosé Magariños.

“O alcalde e o PP falan de austeridade, pero son os campións do despilfarro“, explicou Magariños, “porque os estradenses deben saber que o proxecto A Estrada Dixital custou ás arcas públicas máis de 4 millóns de euros, e despois desta enxurrada de cartos gastados en trebellos electrónicos de todo tipo, hoxe, en 2011, non queda practicamente nada en pé, coa única excepción da rede wifi”.

O concelleiro do BNG rematou as súas declaracións aos medios pedindo unha explicación do alcalde das razóns pola que se desbota o aplicativo da administración electrónica contratado en 2006.

“Aquí hai dirimir responsabilidades, porque non é de recibo tirar cos cartos, nun contexto de crise económica e máis cando se acaba de aprobar subir os impostos aos veciños e veciñas da Estrada” rematou dicindo o portavoz do BNG.

Advertisements