O Alcalde utiliza unha cortina de fume para eludir a súa responsabilidade e a do PP na adxudicación e implantación da e-Administración


O BNG si se preocupou pola implantación da e-Administración ao longo destes cinco anos, cousa que non se pode dicir nin do PP nin do PSOE, quen non só presidía a Fundación, senón que tiña todas as competencias no eido das novas tecnoloxías no mandato 2007-2011

Logo das declaracións feitas por Xosé Magariños a respecto da administración electrónica, o Alcalde da Estrada, na vez de asumir responsabilidades verteu unha serie de acusacións, cal cortina de fume, ás que o portavoz municipal non quixo deixar de responder.

“En primeiro lugar,” empezou dicindo Magariños “cómpre lembrarlle dúas cuestións ao alcalde: que o BNG non entrou a formar parte do goberno municipal até outubro de 2007 e que dentro das áreas da súa competencia non se atopaban as novas tecnoloxías, como moi ben sabe o alcalde”.

“En segundo lugar,” engadiu o portavoz municipal do BNG, “a e-Administración foi adxudicada polo Partido Popular o 30 de novembro de 2006 (hai cinco anos) á empresa Coremain de Santiago de Compostela, cun custe de 129.000 euros, e cun prazo de execución máximo, segundo se desprendía dos pregos técnico e administrativo, de 8 meses”.

“En terceiro lugar”, explicou o concelleiro nacionalista “o noso representante na Fundación Cultural, Xosé Manuel Baños, preguntou en múltiples ocasións pola implantación da e-Administración, mesmo con declaracións públicas aos medios, cousa da que o Alcalde debería saber, porque non só figura nas actas da Fundación da que o Sr. López Campos tamén formaba parte representando ao Partido Popular.” “E por certo,” matizou Xosé Magariños, “en todo ese período ao agora alcalde non lle interesou o máis mínimo nin a e-Administración nin a situación do portal municipal, que custou 247.000 euros e que foi substituído en 2010”.

“E en cuarto lugar,” engadiu o portavoz do BNG, “en relación á suposta fractura interna, xa lle dixen no último pleno que eu respaldo o traballo feito polos meus compañeiros no anterior mandato.” E engadiu “eu non fago como Vostede que espalla unha cortina de fume para tapar a súa incompetencia e a súa responsabilidade a respecto da e-Administración, que, repito, foi adxudicada polo PP en novembro de 2006 e ao PP lle correspondía poñela en marcha, xa que tiña un prazo de execución de 8 meses.”

“Por outra banda,” matizou o concelleiro nacionalista, “como ben sabe, xa que así figura nas actas da Fundación, o BNG si se preocupou pola implantación da e-Administración ao longo destes cinco anos, cousa que non se pode dicir nin do PP nin do PSOE, quen non só presidía a Fundación, senón que tiña todas as competencias no eido das novas tecnoloxías no mandato 2007-2011.”

“En todo caso, declarou Magariños, pídolle un pouco de seriedade e responsabilidade ao Alcalde, que preside agora a Fundación Cultural, que foi quen realizou as contratacións, e conta con persoal propio encargado do seguimento destas, e a quen se lle deben pedir tamén responsabilidades. Non se pode gastar un euro máis até saber porqué non está en funcionamento a e-administración no noso concello contratado e pagado en 2006.”

Novas relacionadas:
30-01-2011 O BNG cualifica o proxecto A Estrada Dixital como unha “herdanza envelenada do PP”

Advertisements