O BNG, a alternativa que te defende


López, como alumno aplicado de Feijóo e Rajoy, aplica eficientemente o programa oculto do PP: subir impostos e recortar servizos públicos

Mitin no Souto de Vea

Mitin no Souto de Vea

O BNG da Estrada prosegue coa campaña electoral polo rural estradense. Esta noite tocoulle ao Val de Vea, no colexio do Souto de Vea, onde interviron, ademais do portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, Xosé Manuel Baños (responsábel local do BNG, e veciño de Santo André de Vea), e Anabel Gulías Torreiro (concelleira en Forcarei e candidata ao Congreso).

O portavoz municipal do BNG explicou aos veciños que “se se está a facer campaña electoral na Estrada, é grazas aos nacionalistas; PP e PSOE parece que xa dan respectivamente todo por gañado e todo por perdido o 20N”. “O BNG, sen embargo, non está nesta liorta, ao BNG o que lle preocupa é que Galiza estea presente, e que a esquerda estea dignamente representada no Congreso dos Deputados, e iso só ocorrerá se está o BNG”, explicou Xosé Magariños.

O concelleiro nacionalistas alertou das consecuencias dunha vitoria do Partido Popular o 20N, “non temos máis que ollar o que pasou na Estrada nos últimos meses: o primeiro que fixo López foi subir a contribución un 60%; ou tamén podemos ollar o que está a facer Feijóo: nada a respecto do paro, e subindo o canon da auga que pagaremos a prezo de ouro na vila, pero no rural temos que estar moi atentos, porque os seguintes en pagar a auga serán os veciños e veciñas do rural”.

Xosé Magariños tamén se referiu aos recortes nos servizos públicos, que ve perigar en mans dos Populares, “por culpa dos recortes de Feijóo o servizo sanitario é cada vez máis deficiente, algo que se palpa no día a día dos hospitais e centros de saúde”, explicou Magariños. “E López, como alumno aplicado de Feijóo e Rajoy, aplica eficientemente o programa oculto do PP: subir impostos e recortar servizos públicos”, engadiu o portavoz do BNG.

O concelleiro do BNG estando nun mitin no rural non quixo deixar pasar a ocasión para referirse aos recortes sufridos no alumeado público do rural estradense. Magariños indicou que “os veciños e veciñas do rural estradense non están molestos porque se lles apaguen algunhas farolas, o que lles molesta é que antes houbo caciqueo para poñer farolas e agora hai caciqueo para eliminar farolas, e López segue empeñado en ocultar o criterio que están a seguir para apagar o alumeado público no rural”, explicou Magariños.

Xosé Magariños apelou ao lema de campaña dos nacionalistas para pedir o voto aos veciños e veciñas de Vea, “o BNG, a alternativa que te defende, un slogan moi acaido na Estrada, porque os estradenses saben moi ben que é o BNG a forza política que defende aos veciños e veciñas da Estrada”. E engadiu “demostrouno en múltiples ocasións: en 2004 aprobando en solitario unha bonificación para paliar a sobrevaloración catastral na vila, que liquida agora o PP para recadar máis; ou en pleno goberno bipartito votando en contra da pretensión do PSOE de subir os impostos un 30%”. “O BNG, é o verdadeiro voto útil en Galiza”, rematou dicindo o portavoz municipal do Bloque.

Advertisements