O BNG presenta unha alegación á ordenanza municipal que sobe o recibo do IBI un 60% aprobada polo Partido Popular


Xosé Magariños indica que a subida da contribución afectará negativamente aos estradeses nun intre de intensa crise económica.

O concelleiro nacionalista tamén afirmou que o PP ten nas súas mans un informe pagado polo concello onde se recoñece a sobrevaloración xeneralizara na Estrada, e que esta bonificación só se pode eliminar se hai unha nova ponencia de valores.

Boletín contra a suba do IBI

Boletín contra a suba do IBI  // descárgao!

Xosé Magariños Maceiras, portavoz municipal do BNG, deu conta publicamente da alegación que presentaron os nacionalistas a respecto da ordenanza municipal aprobada pola maioría absoluta do PP que elimina a bonificación do IBI.

O concelleiro nacionalista criticou ao Partido Popular por eliminar unha bonificación nun intre de intensa crise económica que está a afectar a centos de familias da Estrada.

Por outra banda, Magariños tamén indicou que non cambiaron as circunstancias que motivaron a aprobación da citada bonificación, e non é outra que a importante sobre-valoración dos inmóbeis da Estrada, especialmente da vila.

Este feito, en opinión de Xosé Magariños, é especialmente grave, xa que o PP obvia deliberadamente un informe pagado polo concello en 2007, no que se indica claramente que na Estrada hai unha sobrevaloración catastral xeneralizara.

O concelleiro nacionalista recordou que a bonificación aprobada unicamente cos votos favorábeis dos daquela catro concelleiros do BNG, é de carácter transitorio, transitoriedade que remata única e exclusivamente coa aprobación dunha Ponencia de Valores corrixida, non é por causa dos veciños e veciñas que esta cuestión permaneza sen resolver desde hai máis de 7 anos, é máis, outra das circunstancias –a carencia dun Plan Xeral de Ordenación Municipal- que inciden na situación de crise socioeconómica que padecen os nosos veciños e veciñas tanto do rural coma da vila, e que fan máis inxusta a supresión da Disposición adicional transitoria.

O concelleiro do BNG tamén anunciou que o Bloque pon a disposición de todos os veciños e veciñas da Estrada unha alegación tipo para que a presenten e así tentar rectificar a decisión tomada polo Partido Popular.

Por outra banda, Magariños tamén indicou que o BNG está repartir un boletín para informar aos estradenses do significado da eliminación da bonificación do IBI, é dicir, a suba do recibo da contribución nun 60% para o vindeiro ano.

Advertisements