Para o BNG o PP é sinónimo de subida de impostos e recortes


Magariños acusou ao alcalde de recortarlle o salario aos funcionarios, pero non o seu salario, que cobra por partida doble: do concello e da Deputación

Os orzamento da Xunta para A Estrada son calderilla e non concreta proxectos importantes como son a Cidade do Móbel e a autovía Santiago-A Estrada, o que indica o nulo peso político de López

Mitin central das Xerais 2011

Mitin central das Xerais 2011

Hoxe domingo o BNG da Estrada celebrou no Teatro Principal o acto central da campaña electoral que están a desenvolver os nacionalistas estradenses, e no que interviron Xosé Magariños Maceiras (portavoz municipal do BNG), Anabel Gulías Torreiro (candidata ao Congreso) e Olaia Fernández Davila (cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra).

Xosé Magariños aproveitou a ocasión que lle brindou a celebración deste mitin para criticar ao Partido Popular da Estrada, e en concreto do Alcalde, José López. “Se ollamos as políticas que está a facer o Sr. Feijóo e ou Sr. López, xa temos unha idea do que se nos ven encima se gana o PP o 20N: impostos e recortes”, explicou o concelleiro nacionalistas.

A respecto da subida dos impostos, Magariños dixo que “iso foi o que fixo o PP nada máis conseguir a maioría absoluta aquí na Estrada, eliminar a bonificación do IBI, o que significa unha subida do 60% no recibo da contribución do ano que vén”. “Pero tamén pagaremos máis pola auga que consumimos nos fogares”, engadiu o portavoz municipal do BNG, “coa Lei de Augas aprobada polo Partido Popular, o ano que vén pagaremos a auga a prezo de ouro”.

“Pero hai alternativa,” afirmou Xosé Magariños, “o PP no canto de subir a contribución tiña a alternativa de aprobar o PXOM, do que nada sabemos oficialmente, para que fora o revulsivo da economía local e para ter máis ingresos municipais.” E engadiu o nacionalista que “López alá por maio dicía que o PXOM sería a prioridade se era alcalde; meses máis tarde vemos que a prioridade era subir os impostos.”

E a respecto dos recortes, Magariños indicou que “niso, no PP son uns mestres, xa que non afecta a do a todos por igual”. Explicou o portavoz municipal do BNG que “hai uns días, o goberno municipal aprobou uns recortes nas nóminas dos traballadores e traballadoras do concello, por mor da aplicación dunha lei do goberno do Estado. Pero nin o alcalde nin os outros dous concelleiros que teñen dedicacións exclusivas se rebaixaron o soldo un 5% como si fixo Raquel López Doce, cando era a Primeira Tenente de Alcalde, solidarizándose deste xeito cos traballadores e traballadoras do concello”.

“Pero non, o Alcalde, non se rebaixa o soldo,” engadiu o concelleiro nacionalista, “e iso que cobra dous soldos, un do concello e outro da Deputación. Dous soldos, pero un único pagador, os veciños e veciñas da Estrada.”

Xosé Magariños tamén se referiu aos orzamentos da Xunta para a Estrada, indicando que “para o BNG é case calderilla, sen concretar e sen orzamentos de importancia para a Cidade do Móbel ou a autovía, moi importantes para o tecido socio-económico do concello, e as dúas promesas electorais do PP nas pasadas eleccións municipais”. “E iso que o goberno municipal ten un goberno amigo en Santiago, se chega a ser inimigo non tiñamos un peso”, ironizou Xosé Magariños.

Magariños rematou a súa intervención explicando que “o BNG é a única alternativa que te defende, como di o noso slogan, porque os estradenses saben moi ben que é o BNG a forza política que defende aos veciños e veciñas da Estrada, demostrámolo en múltiples ocasións: no 2004 aprobando en solitario unha bonificación para paliar a sobrevaloración catastral na vila, que liquida agora o PP para recadar máis; ou en pleno goberno bipartito votando en contra da pretensión do PSOE de subir os impostos un 30%”. E engadiu que “o BNG, é o verdadeiro voto útil en Galiza, por iso vos animo que o próximo 20 de novembro exerzades o voso dereito ao voto depositando unha papeleta útil para os cidadáns, unha papeleta galega e de esquerdas, a do BNG.”