O Consello Local da Estrada apoia as mobilizacións da Plataforma Cidadá Queremos Galego


O Consello Local do BNG, reunido onte martes, no que se analizaron diversas cuestións da actualidade política municipal, quere facer público o seguinte comunicado de apoio ás mobilizacións da plataforma cidadá Queremos Galego

Manifestación de Queremos Galego

Manifestación de Queremos Galego

A plataforma Queremos Galego vén de convocar unha serie de mobilizacións por mor da decisión do Valedor do Pobo que censurou un libro de texto no que se afirma que “a lingua propia de Galiza é o Galego”, citando textualmente o artigo 5ª do Estatuto de Galiza.

Esta é a pinga que colma o vaso dos ataques da institución que debería defender o pobo galego, e en especial a súa lingua e cultura, dos ataques que continuamente está a sufrir. Mais, como cando foi o Prestige, ficamos nós sós, as galegas e os galegos, para defender o noso pobo, daquela do chapapote, hoxe dos que atacan reiteradamente o noso idioma, ataques que veñen das institucións que teñen a obriga legal de o defender.

Ante esta situación, temos que facer un esforzo colectivo importante para tentar virar esta situación. Eles teñen as institucións e os medios de comunicación afíns. Pero nós temos a rúa. E non podemos deixar que paseniñamente se oculte e se aparte a nosa lingua do lugar que lle corresponde, e se criminalice a todo aquel que a defende.

Polo tanto, non só está en perigo a nosa lingua, tamén o noso pobo, e neste sentido, pedimos a todos os veciños e veciñas o apoio ás seguintes mobilizacións da plataforma Queremos Galego:

Concentración este xoves ás 11.30 h diante da sede do Valedor do Pobo (rúa do Hórreo, en Santiago). Ao finalizar, entregaremos un escrito exixindo a súa dimisión.

Mobilización este sábado ás 17 h na praza do Toural (Santiago de Compostela), exixindo o cesamento do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación, que deu amparo á censura dun libro de texto por dicir que o galego é a lingua propia de Galiza.

Máis iniciativas de protesta na súapáxina web.