O BNG rexistra unha moción para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía no noso concello


Con esta moción o BNG quere na Estrada se emprenda e apoie a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello o 24 de febreiro, no aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

Por outra parte, coa aprobación desta moción o Concello da Estrada tamén se compromete a realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do concello na que o alumnado dos centros escolares, veciños, veciñas e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista

Rosalía de Castro

Rosalía de Castro

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Por todos estes motivos a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.

Neste sentido o BNG rexistrou unha moción onde se pide o apoio de todos os grupos con representación munipal para declarar o 24 de febreiro, día de Rosalía de Castro no concello da Estrada. De aprobarse esta moción apoiará a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello o 24 de febreiro, no aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

Por outra parte, coa aprobación desta moción o Concello da Estrada tamén se compromete a realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do concello na que o alumnado dos centros escolares, veciños, veciñas e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.

Advertisements