Xosé Magariños esíxelle ao alcalde que suprima chocolatadas e canapés dos actos protocolarios do concello


“Non é de recibo que o Alcalde suba a auga e o IBI en porcentaxes inasumíbeis para moitos dos nosos veciños para gastalo logo en dispendios”

“Os recursos públicos son escasos nun contexto de grave crise económica, e a obriga do goberno municipal en gastalos de xeito que cree emprego, riqueza e benestar no noso pobo, como por exemplo, aprobando e executando dunha vez por todas o PXOM ou incrementando a partida de servizos sociais”
O alcalde da Estrada, José López Campos, inaugurou onte mércores a praza provisional para acometer as obras de ampliación da praza da localidade, na que, logo dos discursos e apretóns de mans correspondentes, o alcalde da Estrada agasallou a todos os presentes cunha chocolatada con churros.

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, que non puido asistir á inauguración por compromisos laborais, criticou “este dispendio inapropiado nun intre no que o concello subirá os impostos a todos os veciños e veciñas e no que haberá todo tipo de recortes nos orzamentos para este ano, por exemplo nos servizos sociais”.

Xosé Magariños indicou que “a austeridade da que presume o Alcalde ten que verse sobre todo neste tipo de dispendios, e por respecto aos veciños e veciñas que están a sufrir as consecuencias da crise económica, e que con moito sacrificio terán que pagar a suba de impostos do PP, esíxolle ao Alcalde que suprima este tipo de dispendios dos actos protocolarios do concello”.

Neste sentido concelleiro nacionalista afirmou que “non é lóxico que se se suba a auga e o IBI en porcentaxes inasumíbeis para moitos dos nosos veciños para logo gastalo en cholotadas con churros e en canapés”. Xosé Magariños tamén engadiu que “os recursos públicos son escasos nun contexto de grave crise económica, e a obriga do goberno municipal en gastalos de xeito que cree emprego e riqueza no noso pobo, como por exemplo, aprobando e executando dunha vez por todas o PXOM”.

Advertisements