O BNG quere que o pleno do concello rexeite a revogación a lei Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo que planea facer o goberno central


Na moción que vén de rexistrar o BNG, co gallo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, pide que o concello apoie as manifestacións convocadas para 11 de marzo convocadas polas organizacións feministas actuantes en GalizaA crise económica e social que estamos a vivir e a falta de alternativas xustas e sociais dende os gobernos do Estado e de Galiza, golpea de maneira especial ás mulleres. A feminización da pobreza é xa un feito na nosa sociedade facendo desaparecer avances acadados en decenios de esforzos de acción positiva.

O paro feminino medra por riba do masculino así como o número de mulleres inactivas que desisten de buscar emprego. A nova precarización do mercado laboral e o recorte nas pensións afectará máis negativamente ás mulleres, que son maioría nos traballos a tempo parcial e na economía somerxida, cun promedio de menos anos de cotización e tamén son maioría como perceptoras de pensións non contributivas. Os recortes de servizos sociais e de atención á dependencia forzan a máis mulleres a asumir de novo o papel de coidadoras non retribuídas. Todos eles son pasos atrás na procura da independencia económica imprescindíbel para rachar situacións de convivencia de parella violentas.

Ante este deterioro das condicións de vida das mulleres galegas, a Xunta de Galiza renuncia a utilizar as súas competencias para fortalecer as políticas de igualdade e redistributivas e convértese en axente activo do recorte dos dereitos da cidadanía.

Neste 8 de Marzo de 2012, Día Internacional das Mulleres, o BNG quere facer especial incidencia no retroceso democrático que supoñerá a anunciada derrogación da norma que actualmente regula a interrupción voluntaria do embarazo. Unha demanda de décadas das mulleres que se cumpriu hai escasos meses e que o Partido Popular anuncia que desmantelará como tantas outras políticas públicas de igualdade.

A despenalización do aborto democratizou o acceso á prestación e aliviou a presión moral que se exercía sobre as mulleres que decidían non continuar cun embarazo. A normativa ameazada incorpora políticas de información e prevención de embarazos non desexados, elemento clave en calquera política que pretenda diminuír a súa incidencia. Non hai razóns sanitarias ou sociais, non hai polémica alén da provocada polos grupos radicais conservadores e a xerarquía católica, que xustifique un retroceso de tal calibre.

Dende as institucións onde o BNG ten presenza, dende a rúa xunto coas mulleres militantes feministas que non renuncian a reivindicar os dereitos de cidadanía da outra metade da humanidade, reclamamos o mantemento da lexislación actual e reclamamos que esas Institucións se pronuncien no mesmo sentido.

Polo o exposto, o grupo municipal do BNG solicita de todos os partidos con representación no Pleno da Corporación municipal o apoio á moción que contén os seguintes puntos:

  1. O Concello comprométese a defender os dereitos das mulleres e manifestarse contra a derrogación da Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, que garante para elas a libre decisión sobre a súa maternidade.
  2. Pedirlle á Xunta de Galiza que inste ao Goberno do Estado ao mantemento da devandita lei.
  3. Demandar do Goberno da Xunta de Galiza o desenvolvemento de medidas relativas á información e á educación afectivo sexual e reprodutiva, garantindo o acceso universal aos servizos e programas de saúde sexual e reprodutiva, o acceso a métodos seguros e información sanitaria sobre a anticoncepción e prevención de enfermidades de transmisión sexual.
  4. O Concello apoia a mobilización reivindicativa dos dereitos das mulleres convocada para o 11 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, polas organizacións feministas actuantes en Galiza.
Advertisements