Tod@s contra a reforma laboral


O Consello Local do BNG da Estrada fai un chamamento a todos os veciños e veciñas da Estrada a secundar a concentración convocada pola CIG este sábado, ás 20 horas, diante do concello, contra a reforma laboral aprobada polo Partido Popular, unha reforma que non creará emprego e que afundirá máis aínda a economía local e a economía galega que conta xa 271.284 parados/as, unha cifra record do goberno de Feijóo, 2.237 deles no noso concelloOnte o Partido Popular aprobou a reforma laboral que supón a maior agresión aos dereitos da clase traballadora. Baixo o pretexto da creación de emprego avanzamos cara o despedimento gratuíto e á baixada de salarios que poderán facer libremente as empresas sen ningún tipo de capacidade de negociación por parte das e dos traballadores.

Pero non serán estes os máis prexudicados con esta reforma agresiva da lexislación laboral, tamén as pequenas e medianas empresas, así como o comercio, sufrirán as consecuencias desta reforma coa caída do consumo, co conseguinte peche de empresas e comercios, cousa que no noso concello estamos a ver todas as semanas.

Por outra banda, se xa é especialmente grave esta reforma, no caso do noso concello as consecuencias poden ser catastróficas, por culpa dun goberno municipal e da Xunta, ambos en mans do PP, que non son quen de concretar proxectos vitais para o desenvolvemento socio-económico da Estrada, como son a Cidade do Móbel e o PXOM.

A isto temos que engadirlle a subida do prezo da auga e do IBI, por mor da eliminación da bonificación do IBI aprobada polo goberno local e polas “reformas” do central, que afectan a este imposto, que disminuirán notabelmente a capacidade adquisitiva de todos os traballadores e traballadores e dos pensionistas.

O BNG ten alternativas a esta política de terra queimada do PP: apostar por unha banca pública, promover unha reforma fiscal que faga pagar a quen máis ten, redución dos gastos militares, supresión das deputacións e dos ministerios que invaden competencias do goberno da Xunta, aprobar o PXOM, Cidade do Móbel, polígonos industriais públicos … son algunhas das propostas do BNG para saírmos da crise económica, que defende o BNG alí onde ten representación institucional, pero tamén na rúa, alí onde está o pobo que sofre as reformas do PP.

Neste sentido, o Consello Local do BNG da Estrada, fai un chamamento a todos os veciños e veciñas da Estrada a secundar a concentración convocada pola CIG este sábado, ás 20 horas, diante do concello, contra a reforma laboral aprobada polo Partido Popular, unha reforma que non creará emprego e que afundirá máis aínda a economía local e a economía galega que conta xa 271.284 parados/as, unha cifra record do goberno de Feijóo, 2.237 deles no noso concello.

Advertisements