O centro ictioxénico de Couso languidece ante a total pasividade da Xunta


Desmantelado o cadro eléctrico do Centro Ictioxénico

Desmantelado o cadro eléctrico do Centro Ictioxénico

“Agardemos que esta sexa a última vez que denunciamos o desleixo do PP neste asunto, e vexamos a pleno rendemento este centro que servirá para repoboar os noso ríos, cousa que parece que non lle importa ao PP”En novembro de 2010 o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade de todos os grupos políticos unha proposición do PP, presentada polo actual alcalde José López, -daquela deputado autonómico-, a posta en marcha do centro ictioxénico de Couso, situado na desembocadura do río Vea.

O portavoz municipal, Xosé Magariños, recordou que “a proposición non de lei do PP fora emendada pola deputada nacionalista, Isabel Sánchez Montenegro, para clarificar o uso que se lle ía dar a este centro, que custou 600.000 €, alá polo ano 2005, sendo presidente da Xunta Manuel Fraga”. “Así,”, engadiu Magariños, “coa posta en funcionamento do centro recuperaríase o salmón, a troita e a anguía dos nosos ríos”.

“Sen embargo,” denuncia o concelleiro nacionalista “máis dun ano despois de aprobada por unanimidade a iniciativa que presentara o PP e emendada polo BNG no parlamento galego, vemos que o centro segue sen uso algún, e, o que é peor, está sendo saqueado polos amigos do alleo, ante a pasividade da Xunta e do Concello”.

“Está ben que haxa unanimidade á hora de aprobar certas iniciativas, pero se se aproban son para executalas, non para quedar ben nin para encher os xornais de noticias”, explicou o portavoz municipal do BNG.

“O noso alcalde e o PP son expertos na política de artificio e de titulares, mais como di o refrán do dito ao feito hai un bo treito” destacou Xosé Magariños. “Mais este non é o único caso,” engadiu o concelleiro nacionalista, “é práctica habitual do goberno municipal e tamén do goberno da Xunta, facer que fai, mentres medra o paro ou como neste caso, se deixa medrar as silvas nun complexo que custou 600.000 €, máis de 100 millóns das antigas pesetas”.

Xosé Magariños quixo recordar finalmente que “nesta cuestión, como noutras tantas, o PP actuou cara a galería logo das denuncias feitas polo BNG”, e engadiu “agardemos que esta sexa a última vez que denunciamos o desleixo do PP neste asunto, e vexamos a pleno rendemento este centro que servirá para repoboar os noso ríos, cousa que parece que non lle importa ao PP”.

Advertisements