O novo campo de fútbol que quere construír o Alcalde empeza a pasarnos factura


“Grazas as penosas negociacións do noso Alcalde agora os estradenses teremos que asumir o custe eléctrico das instalacións da piscina, uns 3.000 euros ao mes”“Que non necesitamos un novo campo de fútbol sábeo calquera, pero que este nos vai saír moi caro é algo que ignora a maioría dos veciños e veciñas da Estrada”, afirmou rotundamente Xosé Magariños, logo de coñecer as novas condicións que terá que asumir o concello coa piscina da AGASP.

“Aínda que hai moito tempo disto, construír a AGASP saíunos aos estradenses por un ollo da cara”, manifestou o concelleiro nacionalista, “e en compensación, a Xunta de Galiza, que asumía os custes da piscina, como equipamento autonómico que é, permitía o uso das instalacións aos estradenses, sen que nos saíra máis caro o uso desas instalacións”.

“Sen embargo, tal e como informan os medios de comunicación, e grazas as penosas negociacións do noso Alcalde agora os estradenses teremos que asumir o custe eléctrico das instalacións da piscina, uns 3.000 euros ao mes, e todo para construír un campo de fútbol que non necesitamos en absoluto”, explicou o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños.

“Non nos fartaremos de dicir, que temos outras prioridades, e construír un campo de fútbol non é unha delas”, manifestou o concelleiro do BNG; “cando teñamos un centro de día, un novo xulgado, teñamos a cidade do móbel construída e en funcionamento, cando teñamos unha nova gardaría municipal, etc, etc, etc, será o momento de pensar nun novo campo de fútbol, mentres tanto esa infraestrutura sobra”, explicou Xosé Magariños.

Advertisements