Dirixir os plenos é responsabilidade do Alcalde


O Consello Local considerou que o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades Locais, é un instrumento legal máis que suficiente para ordenar o funcionamento das sesións plenarios

O Consello Local do BNG considera que construír un campo de fútbol non é o que necesitamos para saírmos da crise. O BNG pídelle ao Alcalde que convoque o Consello Económico e Social para consensuar co tecido socio-económico cales son as prioridades do noso Concello para saírmos da crise, e traballar por elas.

O Consello Local do BNG da Estrada, reuniuse na noite de onte para avaliar a posibilidade de presentar un regulamento para as sesións plenarias do concello, dado o esperpéntico espectáculo que se estaba a presenciar nas últimas sesións.

Avaliadas disintas posibilidades, o Consello Local considerou que o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades Locais, é un instrumento legal máis que suficiente para ordenar o funcionamento das sesións plenarios, de xeito que estas sexan áxiles, con contido político, e no que dea pé a debater todo tipo de cuestións de interese para os veciños e veciñas da Estrada, un debate onde teñan cabida todos os partidos con representación municipal.

Neste sentido, o Consello Local do BNG recórdalle ao Alcalde que dirixir os plenos é a súa responsabilidade, e polo tanto, ten a obriga de dirixilos acaidamente, e non ser un partícipe activo da confusión, que, como dixemos anteriormente, é á tónica habitual.

Un concello en crise
Noutra orde de cousas, o Consello Local avaliou a situación económica que vive o noso concello. ERES, peche de comercios, peche de empresas, paro… son unha realidade diaria. No BNG vemos esta cuestión con suma preocupación, xa que ademais de botar en falta medidas para apoiar e impulsar a economía local, vemos decisións do goberno municipal como a de construír un novo campo de fútbol non é o que agora mesmo necesita o noso concello para saírmos da crise.