O novo campo de fútbol do PP disparará os gastos do concello


Terreos da Academia Galega de Seguridade

Terreos da Academia Galega de Seguridade

“No BNG pensamos que 241.000 € serán insuficientes para pagar os custes desta obra, e que este novo campo de fútbol, que insistimos, non é unha prioridade para os veciños e veciñas da Estrada, será un saco sen fondo de cartos públicos”

Analizado o convenio asinado entre o concello da Estrada e a Deputación de Pontevedra, o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, di “sentirse profundamente preocupado, porque disparará os gastos do concello nesta infraestrutura que non necesitamos”.

O concelleiro nacionalista “considera que 241.000 € serán insuficientes para acometer todas as obras que o concello ten que facer, segundo se desprende do convenio asinado coa Deputación”. “Segundo este documento”, indica Magariños, “o concello comprométese a, -cita textualmente- realizar as obras de adecuación complementarias necesarias para a posta en funcionamento do campo de fútbol”.

“Neste sentido,” explica o concelleiro do BNG, “e á luz do convenio asinado, o concello terá que facerse cargo do o subministro eléctrico, postes, o subministro de auga, o saneamento, etc, o epígrafe do convenio é tan xenérico, que no BNG pensamos que 241.000 € serán insuficientes para pagar os custes desta obra, e que este novo campo de fútbol, que insistimos, non é unha prioridade para os veciños e veciñas da Estrada, será un saco sen fondo de cartos públicos”.

“Ter un campo de fútbol de primeira división non fará que o concello sexa de primeira división nos servizos que presta aos veciños e veciñas, por exemplo, a maioría das parroquias do rural non teñen saneamento, e moitas delas teñen problemas de abastecemento de auga, ”, explica o concelleiro do BNG, “gastar un millón de euros, desviando unha parte do PID que lle corresponde a estrada, a esta obra é un despropósito cando non temos estas necesidades cubertas, cando non temos o PXOM aprobado, cando non temos un centro de día, cando non temos a Cidade do Móbel construída, a Variante, etc, etc, etc, isto si que son prioridades e non o campo de fútbol”.

Noutra orde de cousas, o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, tamén dixo estar “sorprendido polos máis de 600.000 € que ten á súa libre disposición o presidente da Deputación de Pontevedra, o Sr. Louzán, unha cantidade desmesurada á marxe de calquera fiscalización pública”. “O BNG,”, indicou a continuación Magariños “xa temos manifestado en moitas ocasións que as deputacións habería que suprimilas, e unha cuestión como esta afonda nesta nosa convicción política”.