López prefire que paguen os traballadores e traballadoras no canto dos ricos


“Temos un problema gravísimo; en Galiza e na Estrada, temos un problema gravísimo, e ese problema chámase Partido Popular, que está levando a cabo unha política económica suicida, unha política na que os traballadores e traballadoras son as que pagan o pato, mentres os ricos fican á marxe das políticas impositivas do goberno”

Reitoral de Santo André de Vea

Reitoral de Santo André de Vea

Logo das últimas declaracións do alcalde da Estrada a respecto da moción que presentou o BNG para que a igrexa católica pague o IBI das propiedades, Xosé Magariños, indicou que “por culpa do PP o veciños e veciñas da Estrada os recibos da contribución incrementaranse o dobre neste ano e o 140% no vindeiro, e terá que explicar o Sr. López como é que hai institucións como a Igrexa, que non pagarán nin un euro polas súas propiedades”.

“Están en xogo máis de 100.000 euros ao ano, que é o que estima o BNG que debe aportar a Igrexa Católica polas súas propiedades”, indicou o concelleiro nacionalista, “pero o Sr. López prefire facerlle pagar aos traballadores e traballadores no canto dos ricos”.

Xosé Magariños afirmou ademais que “brindis ao sol, como dixo o Alcalde, é saír un día si e outro tamén anunciando obras que non se levan a cabo ou falar do novo modelo urbanístico cando non é capaz de poñer enriba da mesa o novo PXOM; obras trampa é facer novos campos de fútbol, non saber en que se vai concretar a reforma da praza de abastos ou dicir que a reforma da porta do sol no lle vai costar nada aos veciños da estrada”.

Por outra parte, o concelleiro do BNG, indicou que “o que A Estra precisa é ter un goberno municipal que mira polos veciños, que aplica políticas impositivas xustas, que reclama un financiamento ao Estado e a Xunta, adecuada aos servizos que presta, como constrúe unha residencia de día, que por certo, non temos”.

O portavoz municipal do BNG explicou aos medios de comunicación, que efectivamente “temos un problema gravísimo, en Galiza e na Estrada, temos un problema gravísimo, e ese problema chámase Partido Popular, que está levando a cabo unha política económica suicida, unha política na que os traballadores e traballadoras son as que pagan o pato, mentres os ricos fican á marxe das políticas impositivas do goberno”.