O BNG explica a pé de rúa as alternativas para crear emprego na Estrada e en Galiza


Cartaz A Estrada necesita...

Cartaz A Estrada necesita…

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, subliñou hoxe que “o PP e as súas políticas lévannos ao desastre social e económico, non só na Estrada, senón tamén a nivel galego”.

Así o explicou o concelleiro nacionalista no reparto expansivo que organizou o BNG da Estrada, no que a pé de rúa se informou directamente aos veciños sobre as alternativas do BNG á crise económica que estamos a padecer a nivel galego, mais tamén a nivel local.

Xosé Magariños indicou que “na Xunta de Galiza temos o peor goberno da historia do noso país; o goberno, que disque ía solucionar a crise en 45 días, ten, despois de 3 anos, 277.000 parados”. “E noso concello”, engadiu o concelleiro do BNG, “temos a un goberno que sobe a contribución o dobre neste ano e un 140% máis o vindeiro, un goberno inoperante, e un goberno que só sabe malgastar os nosos cartos, construíndo un campo de fútbol que non necesitamos”.

Reparto na Estrada

Reparto na Estrada

E é precisamente o campo de fútbol que planea construír o concello a diana das críticas do BNG no reparto que efectuaron na mañá de hoxe polas rúas da Estrada. “A Estrada non necesita un campo de fútbol; A Estrada precisa: que se aprobe o PXOM canto antes, solo industrial público, un centro de día público, a Variante e a autovía Santiago-A Estrada, que se defenda a nosa lingua e a nosa cultura, e unha nova gardería pública”, explicou o concelleiro do BNG

“No folleto que repartimos hoxe polas rúas da Estrada están as necesidades imperiosas que ten o noso concello, unhas demandas unánimes no noso concello”, explicou Xosé Magariños. “Os veciños e veciñas non queren un campo de fútbol”, afirmou o concelleiro do BNG.

“López ten que rectificar a política de despilfarro, os tempos non están para dispendios; non pode ser que suba a contribución para gastar os cartos en cousas que non necesitamos”, indicou Magariños.

O concelleiro do BNG subliñou tamén que “se a nivel local temos claro cales son as demandas veciñais, a nivel galego tamén temos claro que a solución á crise económica pasa por un novo modelo de financiamento autonómico, que permita ao Goberno Galego atender as necesidades dos sectores produtivos do País e o mantemento dos servizos públicos como a educación e a sanidade; necesitamos unha banca pública, pero pública de verdade e galega, para que non nos rouben o noso aforro e para que flúa o crédito na economía galega; necesitamos unha reforma fiscal progresiva, que pague quen máis teña; estas son as alternativas do BNG para crear emprego”.

Descargas:
Dítico en BLOQUE, PODEMOS!