Carta de Ramón Fernández Rico e compañeiros estradenses condenados a morte dirixida aos correlixionarios da Estrada e ás corporacións vindeiras


Homenaxe de AC Vagalumes aos Mártires da Estrada

Homenaxe de AC Vagalumes aos Mártires da Estrada

Gracias ao traballo feito pola Asociación Cultural Vagalumes, reproducimos a continuación a carta que Ramón Fernández, Alcalde da Estrada fusilado un 5 de xuño de 1937 polos fascistas, dirixiu a todos os veciños e veciñas do noso concello e ás corporacións vindeiras.

A día de hoxe, aínda non se ten materializado o desexo do alcalde e os concelleiros fusilados, para que a vila da Estrada adicara unha rúa aos “Mártires da Estrada“.

Cárcere de Pontevedra, 13 de marzo de 1937
Ramón Fernández e demais compañeiros:

Amigos e correlixionarios da Estrada:

Estes nosos compañeiros, aos que o barómetro da existencia puxo no grao de ter que sucumbir a mercé da calumnia e a infamia; estes homes que, con espírito ante a máis ignominiosa das acusacións, tiveron que ser vítimas dunha sentenza inicua para seren inmolados en prol do ideal puro e inmaculado da República; que, aínda despois de executados, xurdirán sempre onde caia unha soa pinga do noso sangue; estes homes cuxos fogares se cobren de loito e os corazóns das súas viúvas e os seus inocentes fillos están embazados e horribelmente contorsionados pola amargura de que estes miserables lixen as súas mans no noso sangue sen mácula. Estes homes diríxense a vós, para requirirvos unha derradeira encarga especial, que saberedes cumprir fiel e estritamente todos, posto que o recordo destes mártires perdurará na vosa memoria.

Pois ben! Estes homes (cadáveres viventes) recoméndanvos, ante todo, serenidade, moita serenidade, para soportar o duro transo, cando vos digan que estes vosos queridos amigos foron executados; e despois, invariábeis na causa, pregámosvos que non abandonedes as nosas coitadas esposas e os nosos amados fillos. A estes dicídelles que seus pais morreron polo ideal santo da República, pola rexeneración da España dos menesterosos e dos famentos, que nos fusilaron polos honrados e nobres traballadores. Esperamos (insistimos nisto) que miredes moito polas nosas viúvas e polos nosos pequechiños, que teñan, polo menos, pan para amortecer a fame, pois quedan sen ter que comer. Vós, que sodes honrados, que sodes homes con corazóns tecidos de fibras de republicanismo como os nosos, sentides talmente coma nós, sabedes como enche a dor o noso peito, non por morrer (demasiado ben coñecedes a enteireza que nos caracteriza), senón por ter que deixar a hora bendita do triunfo que se aproxima e non poder velo. E agora que falamos e mencionamos o triunfo, esta hora que está moi próxima, esta hora na que supoñemos que os vosos corazóns tratarán de fuxirvos do peito coa emoción; nesta hora en que todos gritaredes ao unísono: “viva a República”; nesta hora en que a bandeira tricolor ondeará na cimeira máis alta da Estrada; nesta hora, quizais a máis grande que viron os séculos; nesta hora, queridos camaradas e correlixionarios nosos, nesta hora, símbolo da redención da nova era, que en medio de todos vós resoe e que se oia, tal coma un prezado clarín, en todos os ámbitos da Estrada, unha voz que diga moi claramente aos fantoches e canallas, sen precisar de altofalantes, como acabamos de deixar o mundo e que pronuncie isto. Republicanos! Queridos camaradas! Existen nestes momentos de indubidábel esquecemento máis nomes que temos que gravar con letras de ouro, os nomes de máis mártires da Estrada, vítimas da máis miserábel opresión que viron os tempos: Ramón Fernández Rico, Manuel Nogueira González, Jesús Puente Fontanes, José María Pena López, Cándido Tafalla Froiz e José Rodríguez Sangiao. Tampouco imos esquecer a José Gómez Rivas, Manuel Puente Porto, José Fernández Cortés, José Vidal Puga, Manuel Vázquez Cruz e José Graciano García, e vós engadiredes algún máis se cae despois de nós. Querémosvos dicir con isto, veciños e compañeiros, que estamos certos de que saberedes cumprir co voso deber; pero como así mesmo nos consta que pronunciaredes os nosos nomes e o mesmo os das nosas familias; e, se algún caeu coa famosa Lei de Fugas, que tanto imperou para todos estes; xustiza, xustiza e advertencia. Se vos parece que, aínda pagando coa vida, nun cumprimos co noso deber; entón, correlixionarios, entón, non llela fagades e, se queredes que continúe a farsa, que continúe. Mais tede presente que estas voces e consideracións que vos facemos, o prisma do novo réxime, tédeo moito en conta, facémolas nos lamentos da ultratumba.

Agora que saímos do feo encargo; aínda que non nos perdoedes o extensos que somos, farémosvos outros mandados de importancia: esperamos que na próxima xuntanza, despois de tomardes posesión do Concello, conste esta carta, mal ganduxada, no libro de actas; que unha das rúas máis céntricas da florecente vila leve esta inscrición: “Mártires da Estrada”; e que obraredes como volo pedimos en nome da República e da democracia e do ideal que nos leva á tumba. Queridos compañeiros nosos: estas pobres liñas que vós ledes son os derradeiros latexos do corazón destes “cristos” que morrerán ao grito de “matádeos, matádeos”, que algúns desgraciados traidores veciños nosos así dixeron. Así que non queremos entristecervos máis, facervos sufrir máis; tampouco desexamos que sexades homes forxados nestes suplicios que atravesamos todos; así que, compañeiros, o derradeiro pensamento será para vós, mostra de que seremos firmes e enteiros perante o piquete. Gritaremos con toda a forza dos nosos pulmóns: “viva a República, viva o Frente Popular, viva a Liberdade, viva a Democracia e abaixo os tiranos!”

Compañeiros, a derradeira aperta e o derradeiro pensamento cumprídeo por ben da causa, para que xamais a historia do mundo teña que soportar tan horrendos crimes.

Saúde, camaradas! Deica a eternidade!