Rescatan a banca, rouban ao pobo


Importante afluencia de veciños e veciñas da Estrada á concentración convocada polo BNG en contra do rescate bancario. Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG, leu o manifesto no que se reclamaba a convocatoria dun referendo e a conversión de NovaGalicia Banco nun banco público para reactivar a economía e criar emprego.

MANIFESTO:

Contra o Resgate. Un roubo ao pobo. Referéndum XA!

Amigos e amigas, queremos expresar hoxe aquí a nosa xusta indignación e a nosa firme oposición perante o resgate ao Estado español.

Este resgate é un roubo ao pobo e unha monumental estafa.

O resgate vai significar a entrega de 100.000 millóns de euros á banca para que esta poda pagar as súas débedas e sanear os seus balanzos.

Será o pobo quen pague a factura, en forma tanto de xuros abusivos como de novos recortes e de novos ataques contra os dereitos sociais e nacionais de Galiza.

Chove sobre mollado. A banca privada xa recibiu do Estado español 150.000 millóns de euros desde que comezou a crise. Ese diñeiro non foi empregado para reactivar a economía, senón para que os bancos continuasen coas súas actividades especulativas. Así substituíron a burbulla inmobiliaria por unha nova burbulla, a burbulla da débeda.

E un roubo e tamén unha burla ao pobo porque o Goberno do señor Rajoy ten a enorme caradura de tentar vendernos esta estafa como un grande logro.

Un poderoso aparato de propaganda, do que infelizmente fan parte a TVG e a RG, pretende enganar á sociedade con mentiras masivas sobre o resgate. Queren facernos crer que o resgate non vai levar aparellados novos recortes nos dereitos sociais.

Mais a sociedade debe saber que a UE vai pór durísimas condicións a cambio do resgate da banca.

Durísimas condicións non para a banca, senón para o pobo. A suba do IVA. Despedimentos aínda máis baratos. Máis copagos sanitarios. Menos profesores. Máis nenos e nenas por aula. O adiantamento da xubilación aos 67 anos.

Durísimas condicións que ameazan tamén con levarse por diante o sistema financeiro galego. A UE quer novas fusións. Ou sexa, o plan é que Novagaliciabanco sexa absorbido por Bankia. Roúbannos o noso aforro e o presidente da Xunta de Galiza aplaude aos atracadores.

Amigos e amigas, a sociedade ten dereito a saber que o Estado español si está intervido de facto e debe saber que as finanzas, a economía e a fiscalidade van estar dirixidas pola troika do Banco Central Europeu, o Fondo Monetario Internacional e a Comisión Europea.

Esa troika vai gobernar o Estado para beneficiar exclusivamente os intereses da grande banca, que poderá continuar a funcionar como viña funcionando até agora.

O único que lle interesa á troika é abrir novos espazos de negocio para ese capital privado. Por iso irán a polos nosos dereitos laborais, a polas nosas pensións, a pola nosa educación, a pola nosa sanidade.

Amigos e amigas, o Goberno Rajoy non ten lexitimidade democrática para actuar como o está a facer.

En Democracia non se pode comprometer o benestar dun pobo sen abrir un profundo debate social.

Exiximos ese debate con toda transparencia. Exiximos o dereito a decidir. A sociedade ten dereito a decidir se aceita ou non as condicións que lle pon a
Unión Europea ao Estado español porque vai ser a sociedade quen pague a conta.

Iso en Democracia chámase referéndum.

O BNG pide ese referéndum. Un referéndum sobre o resgate. Un referéndum para restituírmos a Democracia no Estado -tan danada desde que estourou a crise- e para
dicermos non ao resgate.

As políticas dos resgates xa vimos o que deron de si en Grecia, Portugal e Irlanda. Aprofundaron a recesión, criaron máis sufrimento social, máis paro, máis destrución do aparato produtivo e máis desigualdades.

Queremos referéndum e queremos que se depuren as responsabilidades da enorme catástrofe social que vivemos. Non se poden criar buratos tan xigantescos como os
xerados pola banca privada, buratos que temos que pagar entre todos, sen que se identifique aos responsábeis.

Por iso o BNG volta a solicitar a constitución de comisións de investigación quer no Parlamento Galego quer no Congreso.

Que se reforme se for preciso o Código Penal, pero os responsábeis teñen que ser castigados.

Caso de que o PP continúe vetando esas comisións de investigación, o BNG promoverá unha Auditoría Social para que coñezamos como chegamos até aquí, en que estado realmente se atopa o sistema financeiro e que tipo políticas provocaron a crise.

Porque outras políticas son posíbeis e existen. Hai alternativas. As do Bloque Nacionalista Galego.

Políticas e alternativas que, de se poren en práctica, porían fin ao saqueo ao pobo e farían xustiza social. Fronte ao dominio da banca privada só interesada na especulación, Banca Pública Galega para reactivar a economía e criar emprego.

Fronte a un Banco Central Europeu que é o corazón da especulación financeira na Unión Europea, un novo Banco Central Europeu ao servizo dos pobos e non dos
bancos.

Fronte ao dominio imperial de Alemaña dentro da Unión Europea dos Estados, a soberanía dos pobos como Galiza para construír unha nova Europa, democrática,
social, das nacións.

Amigos e amigas,

É preciso levantármonos fronte a este novo roubo ao pobo. A crise débena pagar aqueles que a causaron e non as maiorías sociais que padecen as súas consecuencias. Non podemos ficar de brazos cruzados. Está en xogo o noso benestar, a nosa calidade de vida. Desde logo o BNG continuará a traballar para defender a sociedade e para conquistar un futuro mellor para Galiza.

Advertisements