Manifesto da cacelorada-concentración contra os recortes do PP


Hoxe a auga que consumimos nas nosas casas sáenos máis cara que hai un mes por mor da entrada en vigor da Lei de Augas, unha lei que aprobou en solitario o Partido Popular no Parlamento Galego.

En setembro e outubro teremos que pagar os recibos da contribución, cuxo importe será o dobre que hai un ano, logo de que o goberno municipal do PP retirara a bonificación do 35% nos recibos e logo de que o goberno de Mariano Rajoy aprobara o incremento do tipo impositivo do IBI.

A partires do un de agosto todos os produtos de primeira necesidade e os que non o son verán incrementado o seu prezo por mor da subida do IVE, aprobada onte en consello de ministros presidido por Mariano Rajoy e o Rei.

Os funcionarios, que xa viran reducido o seu soldo na etapa que gobernou o PSOE, quedaranse agora sen a paga extra de Nadal.

Os pensionistas pagán polas mediciñas.

O deterioro da sanidade e a educación públicas son cada día máis evidentes, abríndose as portas para a privatización deste servizo para aqueles que o poidan pagar, unhas medidas que contan co apoio entusiasta de Feijóo, obviando as competencias exclusivas que ten Galiza nesta materia.

Teremos que traballar máis anos, para percibir un importe da pensión menor que as pensións actuais, unha reforma aprobada no seu día polo PSOE, e agora o PP acelerará a xubilación aos 67.

E hai uns poucos meses o PP aprobou unha reforma laboral que liquidou os dereitos laborais de todos os traballadores e traballadoras, e na práctica o despido libre é xa unha realidade.

Este é legado do PP. Un legado de máis paro, máis crise, máis perda de dereitos sociais e laborais, e máis impostos

Temos que reaxir! Non podemos aceptar mansamente os recortes e a suba de impostos decretados polo Partido Popular coa mentira de que crearán máis emprego e servirán para dinamizar a economía. Este recortes e estas subidas de impostos crearán máis paro e só servirán para pagar a factura do rescate do sector financeiro, cuxa débeda supón o 40% da débeda externa do Estado, fronte a só o 16% das administracións públicas.

As medidas que nos queren aplicar xa fracasaron e agravaron a situación nos países que se aplicaron (Grecia, Portugal, Irlanda…), e ademais empeoraron as condicións de vida da inmensa maioría da xente. Estas medidas, alén de seren socialmente inxustas son tamén anti-económicas e agravarán a crise.

Repito: temos que reaxir!, non podemos resignarnos a aceptar estes recortes como se dunha praga bíblica se tratara. Canto máis calemos, tanto máis recortes haberá!

Neste sentido, desde o BNG facemos un chamamento a todos os veciños e veciñas da Estrada a secundar masivamente a manifestación, que, co gallo do Día da Patria Galega, o 25 de xullo, ten convocado o Bloque Nacionalista Galego en Santiago de Compostela.

O BNG xa ten demostrado en moitas ocasións que é quen de darlle a volta a situacións adversas. Na Estrada sabémolo ben, cando aprobamos en solitario a bonificación do IBI tendo en fronte a un PP e a un PSOE collidos da man.

PORQUE HAI ALTERNATIVA! PORQUE EN BLOQUE, PODEMOS!

VIVA GALIZA!
VIVA O BNG!

Advertisements