Con estes recortes o PP atravesou todas as liñas vermellas


O BNG da Estrada presentou hoxe no rexistro do concello unha moción que busca o acordo dos grupos con representación municipal para rexeitar os recortes aprobados o pasado venres polo goberno central de Mariano Rajoy.

Xosé Magariños explicou que “o BNG as rexeita de plano, porque non solucionarán a crise, ao contrario, canto máis recortes máis crise, e por outra parte, están aprobadas de costas, sen consensuar coas comunidades autónomas, algunhas con competencias exclusivas, como é o caso de Galiza, e sen contar coas asociacións representativas do municipalismo como a FEGAMP”.

“De todos os recortes, seguramente o máis ruín sexa a redución da prestación por desemprego, que non é ningún premio, é un dereito polo que cotizan os traballadores e traballadoras”

“Sen embargo,” engadiu o concelleiro do BNG “incrementar as competencias de institucións caducas e pouco transparentes como son as Deputacións non redundará en máis aforro, ao contrario, aumentará o despilfarro e o descontrol”. “Só así se explica,” explicou Magariños, “que a día de hoxe aínda haxa fondos reservados de libre disposición en cantidades escalosamente grandes en mans dos presidentes da deputación, entre eles Rafael Louzán, que conta cuns fondos reservados de preto dun millón de euros, e non quero esquecerme de Baltar, o expresidente da Deputación de Ourense, investigado pola fiscalía anticorrupción”.

“Se suprimíramos as catro deputacións galegas, só en Galiza aforraríamos 400 millóns de euros”, explicou Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG. “No canto diso, no canto de comarcalizar servizos, o PP prefire centralizalos nas deputacións, o que redundará ademais nun peor servizo para os veciños e veciñas”, explicou o concelleiro nacionalista.

Outro aspecto que destaca na moción do BNG, é o rexeitamento total á supresión da paga extra de Nadal aos funcionarios, neste caso aos funcionarios e funcionarias municipais. “O PP está empobrecendo a mantenta aos traballadores e traballadoras, e con este panorama a ver quen compra, co conseguinte quebranto para o comercio local, que se verá seriamente prexudicado pola perda de ingresos dos asalariados en xeral, pero tamén dos asalariados públicos”, explicou Magariños.

“Por outra banda”, engadiu o concelleiro do BNG, “de todos os recortes, seguramente o máis ruín sexa a redución da prestación por desemprego, que non é ningún premio, é un dereito polo que cotizan os traballadores e traballadoras”. “Ninguén está no paro por gusto, se unha persoa está no paro é porque non hai traballo, e con estas medidas menos haberá”, explicou Xosé Magariños.

DESCARGA:
Moción contra das medidas económicas e de reforma local do PP