O BNG leva a pleno o problema da sobrevaloración catastral dos propietarios dos terreos da futura Cidade do Móbel



O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, presentou no pleno de hoxe unha moción urxente instando á revogación dos recibos do IBI dos propietarios dos terreos da futura Cidade do Móbel mentres esta non sexa unha realidade. O pleno aprobou por unanimidade de todos os grupos iniciar o expediente de revogación que estará vinculado ao que decida a correspondente comisión informativa.

O pleno da corporación acordou por unanimidade iniciar o expediente de revogación dos recibos do IBI

Propietarios do Monte de Liñares no pleno

Propietarios do Monte de Liñares no pleno

Xosé Magariños declarou que “aínda que non se trata da solución definitiva, é unha avanzo ante unha situación que estaba en punto porto polo nulo interese do Alcalde en resolver esta situación”. O concelleiro nacionalista recordou que “agora mesmo os propietarios e propietarias dos terreos do monte de Liñares, onde se instalará a futura Cidade do Móbel, terán que pagar por uns terreos catalogados como industriais, cando a día de hoxe eses terreos son rústicos, e dado que construción do polígono sectorial vai para longo, non é de recibo que paguen máis por un solo que agora apenas ten valor”.

O concelleiro do BNG considera que “malia as reticencias do Alcalde e do Partido Popular, hai lugar unha solución xusta para os propietarias”, así, Xosé Magariños explicou que“en base ao artigo 216 da Lei xeral Tributaria (procedementos xerais de revisión), que permite en determinadas circunstancias a revogación de tributos emitidos e, en base ao artigo 219 desta mesma lei sobre a revogación dos tributos e de imposición de sancións, xa que a administración tributaria poderá revogar os seus actos en beneficio dos interesados cando as circunstancias sexan sobrevidas, tendo en conta ademais que cando a ponencia estivo en exposición aínda se prevía que o proxecto da cidade do moble podería saír adiante e, agora, vistos os orzamentos da Xunta, está claro que non sairá adiante nin a curto nin a medio prazo”.

Neste sentido, declarou Magariños, “está claro que se o PP quere darlle unha solución, os veciños poderán pagar un prezo xusto polas súas propiedades”.

DESCARGAS:
Revogación dos recibos do IBI dos terreos de Monte Liñares afectados pola Cidade do Móbel

Advertisements