López e o PP agachan a súa incompetencia detrás dunha ofrenda á un santo


López na ofrenda (foto: Faro de Vigo)

O alcalde da Estrada, José López, participou onte nunha ofrenda na igrexa da Peregrina en Pontevedra, co gallo das festas patronais da cidade. Segundo os medios de comunicación, o alcalde da Estrada pregou polos que sofren o paro, polos aforradores atrapados nas participacións preferentes e pediu atino á hora de gobernar.

O BNG pídelle ao PP “deixar de lado as ofrendas e mudar as políticas no concello e e na Xunta, e gobernar para as persoas non para o sector financeiro”

A estes respecto, o Consello Local do BNG da Estrada emitiu unha comunicado de prensa onde criticou duramente este acto “hipócrita e demagogo do alcalde e do Partido Popular en pleno”. Os nacionalistas recordaron que “o PP leva gobernando Galiza desde 2009 e desde aquela o paro en Galiza non deixou de medrar, e concretamente no noso concello medrou un 48,2% entre xullo de 2009 e xullo de 2012”.

Para o BNG este incremento do paro débese ás políticas do PP de continuos recortes laborais e sociais; neste sentido os nacionalistas consideran que “canto máis recortes máis paro, e iso é o que leva facendo o goberno Feijóo e de Mariano Rajoy co seguidismo entusiasta do noso alcalde, José López”.

“Se se teñen responsabilidades de goberno como as ten o PP no concello, na Xunta e no Estado, é de absurdo esconderse detrás dun santo e agardar a que este solucione os problemas que eles mesmo provocaron coas súas políticas”, afirmaron os nacionalistas da Estrada. “De pouco serven as ofrendas cando o PP persiste nunha política suicida como a que está a levar nas institucións que goberna”, engadiron os nacionalistas.

A respecto das petición do alcalde para os aforradores que teñen atrapados os seus aforros, o Consello Local do BNG da Estrada, indicou que “non se pode ser máis hipócrita, xa que por culpa da súa incompetencia e da súa covardía política, e por culpa de asumir todo o que lle impoñen desde a Unión Europea, a meirande parte dos aforradores atrapados polas participacións preferentes perderán boa parte dos seus cartos, e iso sábeo perfectamente o PP, que, unha vez máis, bota balóns fóra como se non fora con eles a cousa”.

“Os aforradores e aforradoras poderán recuperar os seus cartos se hai vontade política, cousa que non teñen nin o PP nin López, senón non se encomendarían a un santo”, afirmou o BNG.

Para pechar o seu comunicado o BNG pídelle ao PP “deixar de lado as ofrendas e mudar as políticas no concello e e na Xunta, e gobernar para as persoas non para o sector financeiro, que é o que está a facer o Partido Popular”.