A Variante é a gran débeda histórica do Estado coa Estrada


“As últimas declaracións do Alcalde a respecto da Variante, non nos tranquiliza, senón que nos deixa aínda máis preocupados sobre o futuro incerto desta obra, que, insistimos, non a veremos feita antes de 10 anos”. Así de contundente respondeu o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, ás declaracións feitas polo alcalde, José López, sobre a variante, na que se amosaba “flexíbel” sobre os prazos previstos.

O alcalde ten que ser inflexíbel e firme co goberno de Mariano Rajoy para que a Variante sexa unha realidade no prazo de dous ou tres anos

O concelleiro do BNG engadiu tamén que “os veciños e veciñas, así como no BNG, si temos memoria, e si hoxe estamos a falar da Variante, é polos do Bloque que nos preocupamos, ano tras ano de que esta infraestrutura tivera o orzamento necesario para que esta fora unha realidade, como a emenda de dez millóns de euros que presentamos aos orzamentos de 2012, rexeitada polo Partido Popular no Congreso”. “Esta é a nosa responsabilidade, e cumprimos como se agardaba do BNG; outros, con responsabilidades de goberno non pode dicir o mesmo”, afirmou o concelleiro nacionalista.

“Sen embargo, de pouco serve colocar unhas cifras nun orzamento, se logo eses números só serven para que queden ben nun papel, como aconteceu co millón douscentos cincuenta mil euros de 2011, e idéntica sorte van a correr o millón de euros de 2012, unha cifra ridícula para esta obra, que vai a quedar no esquecemento”, explicou Xosé Magariños.

“Pero xa que falamos de memoria e amnesia”, engadiu Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG, “quero recordarlle ao alcalde unha rolda de prensa alá por maio de2009, que acompañado de Ana Pastor, agora Ministra de Fomento, pedían explicacións polos prazos, o orzamento, o proxecto, etc, da variante, unhas explicacións, que, como adoita ocorrer nos partidos de ámbito estatal, PP e PSOE, esquecen cunha facilidade sorprendente nada máis chegar ao goberno”.

“A Variante é a gran débeda histórica do Estado coa Estrada”, afirmou o concelleiro do BNG, “por iso, insto ao alcalde a ser inflexíbel e firme co goberno de Mariano Rajoy para que a Variante sexa unha realidade no prazo de dous ou tres anos; A Estrada non pode nin debe agardar máis”.

Advertisements