O BNG presenta unha moción para recuperar a paga extra dos funcionarios municipais


As decisións adoptadas polo Goberno central en materia de política económica están a provocar un agravamento da crise económica, e o concello da Estrada non é unha excepción. A obsesión por dar unha prioridade absoluta á contención do gasto público, seguindo sen matices os ditados emanados polo FMI, o BCE ou a UE, cada vez máis pregados aos intereses do capital financeiro transnacional, ocasionan tanto unha continua perda de empregos como un empeoramento das condicións de vida das persoas que manteñen o seu emprego.

Até o de agora, o “programa de reformas” executado polo PP só deu como resultados máis desemprego (na Estrada hai 2.186 parad@s), unha caída no consumo e na actividade económica, e un maior estancamento do crédito ás persoas emprendedoras, empresas e familias. Ningún sector económico é alleo nestes momentos á crise, porén tampouco se están a elaborar estratexias para reactivar o pulso económico nos mesmos.

A única política definida é a de aplicar continuos recortes en dereitos económicos e sociais conquistados en favor das maiorías sociais. Esa teima amosa como este Goberno está a empregar a crise máis como un pretexto para avanzar no modelo de sociedade cada vez máis desigual que abandeira a doutrina neoliberal, cunha maior desprotección para as persoas máis desfavorecidas, e ao tempo cun reforzamento de privilexios para minoritarias elites sociais. O propio Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU vén de afirmar, respecto do Estado español, que “as medidas de austeridade están prexudicando de forma desproporcionada os grupos desfavorecidos”, asegurando ademais que os axustes están a destruír o estado do benestar e provocando un aumento considerábel do número de persoas en risco de pobreza.

Por outra banda, o Real Decreto-Lei 20/2011, do 13 de xullo, é unha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo que supoñen de atacar de novo dereitos consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado. O Partido Popular da Estrada ten a oportunidade, votando a favor desta moción, de pórse ao do lado dos veciños e veciñas e do seu tecido económico.

A nova redución retributiva ás empregadas e aos empregados públicos, aprobada polo PP, que se suma á aprobada no seu día polo goberno de Rodríguez Zapatero, que se plasma no Real Decreto-Lei 20/2011 imponse dun xeito unilateral, malia que esa medida xa se ten ensaiado noutros momentos dentro de actuacións económicas contra a crise, e como resultado deu precisamente o contrario do que se perseguía. Nada indica na práctica que a redución salarial sobre as persoas traballadoras, entre elas as persoas que desenvolven o seu traballo no sector público, sexa unha medida que contribúe á reactivación económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á maior parte da poboación co que se resente o consumo e a actividade económica.

No caso concreto do noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Tamén no ámbito local, agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico deste concello.

Por iso, ante o escenario deseñado polo Goberno do Estado, inútil e errático á hora de recuperar e impulsar a economía como todos os indicadores económicos demostran, ineficaz para asegurar financiamento público e privado dadas as persistentes restricións no crédito, e pertinaz en aplicar reformas cuxo único e real obxectivo consiste en recortar dereitos económicos e sociais das maiorías sociais, é preciso adoptar un posicionamento político unívoco por parte desta Corporación Municipal en contra desa política, alén de articular as medidas que sexan necesarias para evitar a perda de poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos.