O BNG xa ten constancia de máis dunha ducia de queixas por mor da subida da contribución, que se multiplica por dous a respecto de 2011


Manifestación contra a suba da contribución (2004)

Manifestación contra a suba da contribución (2004)

O Bloque Nacionalista Galego está a recibir nestes días un importante número de queixas sobre a subida do IBI na Estrada. Como xa informara o BNG no seu momento, o importe dos recibos neste ano 2012 multiplícase por dous a respecto de 2011 para todos os propietarios e propietarias de bens inmóbeis do concello, vivan no rural ou na vila.

“Subida do IBI, subida do IVE, subida do prezo da auga,… moitos veciños e veciñas vivirán un auténtico drama familiar para afrontar os pagos nos próximos meses”

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, afirmou que esta subida “é un abuso e un atraco inconcibíbel por partida dupla; por unha banda o grupo municipal do PP elimina a bonificación do IBI, aprobada en 2004 cos únicos votos favorábeis do BNG, unha iniciativa que paliaba a sobrevaloración catastral existente no concello; e por outra, o incremento do tipo impositivo do IBI aprobado polo goberno de Mariano Rajoy a principio de ano”.

“Se a isto lle engadimos”, indicou o concelleiro do BNG, “a subida do IVE, que pagaremos todos e todas a partir de hoxe, o que suporá aumento automático dos prezos de todos os produtos, mesmo os de primeira necesidade; a suba importante no recibo da auga, por mor da Lei de Augas aprobada polo goberno de Feijóo, moitos estradenses viviran un auténtico drama familiar para afrontar os pagos nos próximos meses, un drama que só ten un culpábel, o PP e as súas políticas de recortes e de subida de impostos”.

Os 2.186 parados estradenses terán serias dificultades para chegar a fin de mes pola culpa da subida de impostos do PP

Incremento do IBI na Estrada

Incremento do IBI na Estrada

“Pero se en xeral este aumento de impostos repercutirá en todos e todas, independentemente da renda que teñan, onde se terán serias dificultades para chegar a fin de mes sera no fogar dos 2.186 parados e paradas estradenses, un 48% máis desde marzo de 2009, desde que goberna Feijóo e o PP a Xunta de Galiza”, indicou o concelleiro do BNG.

“No BNG entendemos que esta situación é insostíbel para moitas familias e para moitos negocios, especialmente o pequeno comercio, e como organización política responsábel e sensíbel co sufrimento das persoas” explicou o concelleiro do BNG, “estudaremos no próximo consello local, que se reunirá o luns ás 9,30 da noite, a resposta acaida ante esta inxustiza e este atraco do Partido Popular”.