O informe do concello sobre o IBI de Lagartóns indica que a revogación pode facela a Deputación de Pontevedra


“É incríbel que o PP conceda unha amnistía fiscal para os defraudadores á facenda pública e non sexa quen de aplicar unha bonificación ou unha revogación a un cento de veciños e veciñas de Lagartóns”

“Alberto Blanco fala da parte do informe que máis lle convén ao PP e non aos veciños de Lagartóns”, indicou o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, en contestación ás palabras do concelleiro de economía e facendo explicando o contido do informe técnico de recadación, que analiza a posíbel revogación dos recibos dos propietarios de terreos na que se vaia ubicar a Cidade do Móbel.

O concelleiro do BNG explicou que “aínda que nós discrepamos en algún punto do contido do informe de recadación, si indica que a revogación si é posibel facela, correspondéndolle á Deputación de Pontevedra, gobernada tamén polo Partido Popular”. “Neste sentido”, indicou o concelleiro nacionalista “o informe indica textualmente que “a competencia para resolver a solicitude presentada e conseguinte Acordo plenario correspondería ao mencionado organismo autónomo (a Deputación de Pontevedra)”.

“Polo tanto”, afirmou Xosé Magariños, “o PP se quere pode aplicar a revogación, neste caso na Deputación de Pontevedra, e neste sentido o BNG vai a propoñer que o concello da Estrada adopte un acordo e inste á esta institución que revogue os recibos dos veciños propietarios dos terreos afectados pola construción da Cidade do Móbel”.

O portavoz municipal do BNG tamén afirmou que “como dixemos anteriormente, o alcalde se quere pode perfectamente aplicar a revogación, xa que no mesmo informe indica os requisitos para a súa procedencia, isteo que se trata de actos desfavorábeis para os interesados ou que o acto infrinxa manifestamente a lei, que a nova situación xurídica do interesado poña de manifesto a súa improcedencia, ou que na súa tramitación aquel (o veciño) tivera sufrido indefensión”.

“Entendemos que estes requisitos que indica o informe son perfectamente aplicábeis aos veciños de Lagartóns”, indicou o concelleiro do BNG, “xa que se, como afirmou o alcalde hai uns días, a Cidade do Móbel non se vai a construír de momento, non é de recibo que se pague a contribución duns terreos calificados como industriais terreos rústicos, co conseguinte agravio que isto supón para os propietarios”. “E por outra parte”, engadiu o concelleiro nacionalista, “o alcalde enganounos xa que lles dixo en xaneiro deste ano que resolvería ese problema, e a estas alturas xa se ve que non”.

“É incríbel que o PP conceda unha amnistía fiscal para os defraudadores á facenda pública e non sexa quen de aplicar unha bonificación ou unha revogación a un cento de veciños e veciñas de Lagartóns que están a pagar por algo que agora mesmo non ten ese valor”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños.

“E reiteramos”, indicou Xosé Magariños “a pelota está no tellado do PP, se quere pode solucionalo o asunto dos recibos dos veciños de Lagartóns”.

Descargas:
Informe sobre a revogación dos recibos do IBI do proxecto sectorial Cidade do Móbel

Advertisements