Compra na Estrada


O BNG da Estrada inicia unha campaña a prol do comercio local

Cartaz a prol do comercio local

Cartaz a prol do comercio local

O BNG da Estrada considera ao comercio tradicional un sector básico da economía da Estrada e de Galiza, que nestes momentos precisa dun apoio público decidido para garantir a súa viabilidade no futuro. A crise está a afectarlle dun xeito especialmente virulento, chegando incluso a acelerarse o peche de establecementos e a destrución de emprego ao longo do último ano. Porén, as políticas decididas recentemente polo Goberno central, que preside Mariano Rajoy, van na liña oposta a ese respaldo que o comercio tradicional merece, ao impulsar a liberalización comercial, tanto na apertura de establecementos como nos horarios comerciais, favorecendo así os intereses das grandes distribuidoras e superficies comerciais.

A pesar de que Galiza conta con competencias exclusivas na materia, o Goberno Galego que dirixe Núñez Feijoo está amosando unha actitude cómplice con esas decisións que agudizan aínda máis a crise do comercio tradicional en Galiza. O BNG da Estrada considera que nestes momentos de crise económica é necesaria unha defensa do comercio tradicional, non só polo feito de ser unha competencia atribuída a Galiza que debería exercela a Xunta de Galiza consonte os intereses deste sector que é maioritario no conxunto da nosa actividade comercial, senón tamén para garantir un maior equilibrio na distribución comercial.

Na Estrada, a estes problemas, hai que sumarlle os que leva arrastrando o noso concello desde hai anos: ausencia de PXOM de dinamice a economía local; falta de solo público industrial a prezos asequíbeis; a non posta en marcha da Cidade do Móbel, que dinamice o sector do móbel; polos problemas estruturais do sector agro-gandeiro, agudizados pola crise económica; polas decisións políticas alleas como os continuos recortes efectuados nos últimos anos por PP e PSOE (reformas laborais, recorte de salarios, pensións, …), etc, o que se traduce en altas taxas de desemprego, redución de ingresos da clase traballadora e dos pensionistas, e polo tanto, na redución da capacidade de compra destes colectivos. Resumindo: sen cartos a xente non pode comprar.

Neste sentido, diante da inoperancia do goberno municipal do PP e a falta de políticas activas para este sector en particular, o BNG da Estrada levará a cabo nos próximos días unha campaña de apoio publico ao comercio local, que consistirá, á metade da semana, nunha pegada de cartaces por toda a vila, deixando para a fin de semana un reparto comercio por comercio do citado cartaz, facendo partícipe desta campaña ao propio sector, así como achegarlle directamente as propostas do BNG para o comercio local, que basicamente son as seguintes:

  1. Rexeitar de xeito categórico a posta en marcha dos reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012 por parte do Goberno do Estado por ser lesivos para o conxunto da poboación, nomeadamente no que se refire a actividade comercial, ás persoas empregadas neste sector e ás persoas consumidoras.
  2. Instar ao Parlamento e ao Goberno galegos a promover un recurso de inconstitucionalidade por invasión de competencias en materia de comercio interior por parte do Goberno do Estado ao promulgar os reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012.
  3. Elaboración dun plan sectorial de equipamentos comerciais ao obxecto de lograr un nivel adecuado de equipamento comercial e unha correcta distribución territorial dos establecementos asegurando a necesaria accesibilidade de toda a poboación a unha oferta comercial equilibrada e suficiente.
  4. Fomento das asociacións ou agrupacións de comerciantes como estratexia que permite obter vantaxes inachegabeis por separado como incrementar a oferta, reducir gastos, acceder a campañas de promoción conxunta, etc.
  5. Fomento dos centros comerciais abertos como formula de oferta competitiva do comercio tradicional fronte a outros formatos.
  6. Recuperación e fomento dos mercados municipais e zonas comerciais así como a rehabilitación e/ou mellora das súas contornas, contemplando a peonalización de espazos.
  7. Aplicación de plans coordinados de promoción do turismo e do comercio local, co obxectivo de estimular a actividade comercial das zonas tradicionais.
  8. Programas de axudas para a implantación de establecementos específicos que comercialicen produtos típicos ou autóctonos do lugar onde se ubican, así como para a renovación e mellora dos que xa están funcionando.
  9. Establecemento dun fundo de avais mediante a formula máis acaída na que participen Goberno galego e concellos.
  10. Estabelecemento dunha liña de axudas ao financiamento, ao obxecto de garantir a actividade dos establecementos comerciais.
  11. Fomento da modernización e a mellora da xestión comercial; incremento da formación.