O PP da Estrada entregará á banca a parte dos salarios que lle quita ao persoal municipal


O concello de Pontevedra, gobernado polo BNG, demostrou que é posíbel compensar a paga extra dentro da legalidade vixente, demostrou que se pode ser insubmiso aos recortes ditados polos mercados en beneficio de todos e todas

O BNG presentou no mes de agosto unha moción para recuperar a paga extra dos funcionarios municipais, decretada polo goberno de Mariano Rajoy. O PP da Estrada, que conta con maioría absoluta, rexeitou esta demanda do BNG, amplamente secundada polos traballadores municipais, e adicará eses cartos para amortizar débeda.

Para o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, isto é “a proba palpábel de que o PP quere espremer aos traballadores e traballadoras para satisfacer aos bancos, que foron os que provocaron a crise”. “Unha medida”, indicou o concelleiro nacionalista, “na liña da reforma constitucional pactada e aprobada por PP e PSOE o ano pasado de dar prioridade absoluta ao pago da débeda, no canto de atender outras prioridades como o emprego e o crecemento económico”.

“O concello de Pontevedra, gobernado polo BNG, demostrou que é posíbel pagar a paga extra dentro da legalidade vixente, demostrou que se pode ser insubmiso aos recortes ditados polos mercados en beneficio de todos e todas” afirmou Magariños, en referencia a un dos concellos máis importantes que xa ten aprobada a compensación, lembrando outros concellos, tamén gobernados polo BNG farán o mesmo (Poio, Bueu,…), “pero o Sr. López está máis interesado en satisfacer aos seus xefes de Madrid e Santiago, que en atender os intereses dos traballadores municipais”, engadiu o portavoz municipal.

O concelleiro do BNG afirmou tamén que “esta medida terá consecuencias graves para a economía local, xa que boa parte dos traballadores do concello residen nel, e polo tanto, se non cobran non gastarán, o que incrementará aínda máis o paro no noso concello”. “E se aos traballadores do concello lle unimos os que traballan para outras administracións e sectores públicos como facenda, xustiza, seguridade social, ensino, sanidade, etc, que tampouco cobrarán a extra de nadal, as consecuencias para a economía do concello son imprescindíbeis, pero podo afirmar que positivas non o serán en ningún caso.”