Jorquera critica que “a tesoura do PP sempre cae no mesmo lado, no estado de benestar e nos empregados públicos”


Nunha charla-coloquio, Jorquera fai unha primeira avaliación das grandes cifras dos Orzamentos do Estado 2013 afirmando que “con estas políticas non se sae da crise”

O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, advertiu este serán de que “os raquíticos e esqueléticos Orzamentos Xerais do Estado 2013 van traer máis crise, menos consumo e máis paro”.

Jorquera fixo estas afirmacións nunha charla-coloquio en A Estrada despois de coñecer as grandes cifras dos Orzamentos Xerais para o 2013 que esta tarde deu a coñecer o Goberno despois do Consello de Ministros.

O candidato nacionalista chamou a atención sobre os tan consabidos xogos de palabras deste Goberno que “nada teñen que ver coa realidade. Escoitamos falar de conxelación salarial aos empregados públicos cando o feito é que os funcionarios perderon xa un 30% do seu poder adquisitivo con tantas conxelacións salariais. É unha baixada de salarios en toda regla”.

Máis recortes en educación, sanidade, industria ou agricultura que en defensa

Jorquera afirma que “con estas políticas orzamentarias non se sae da crise ao incidir no recorte do investimento produtivo e no gasto social”.

“Eles memos bautizaron ás contas do Estado como as máis “austeras” da historia. E hai que lles dicer que a austeridade se aplica por exemplo reducindo o gasto militar ou as deputacións e non diminuindo o gasto en sanidade e educación pública. É alarmante que a porcentaxe de reducción das partidas para sanidade, educación ou dependencia sexa moito maior que a de Defensa”, afirmou Jorquera.

Para o candidato do BNG “son papel mollado como aconteceu cos anteriores porque quedarán anulados polos seguintes recortes salvaxes que irá aprobando o Goberno de Rajoy para aplicar as duras condicións que nos agardan co seguinte resgate, após das eleccións galegas.

Por iso, subliñou, “é o momento de pararlles os pés, o 21-O é a grande oportunidade que temos os galegos e as galegas de frear este tipo de políticas que son tanto como seguer cavando cando se está xa no fondo do pozo”.

Intervencións sectoriais:

Ana María Iglesias Eiras, gandeira

Intervención de Juan José Fraga Dura, ex-traballador de Galisec

Advertisements