5.000 euros para a Variante son unha burla para A Estrada


“O BNG presentara emendas a estes orzamentos”

O goberno central deu a coñecer os orzamentos do Estado para o vindeiro ano 2013 que asignan á Variante da Estrada unha cifra de 5.000 €.

Para o BNG da Estrada esta cifra non só é ridícula, senón que é unha burla a todos os veciños e veciñas da Estrada, que demostra unha vez máis o nulo peso do PP da localidade e en concreto do alcalde, José López.

O PP está máis preocupado en subir os impostos que en facer obras que non necesita nin quere ninguén, como o novo campo de fútbol, no canto de atender as necesidades importantes do concello, como é neste caso a Variante, unha obra fundamental na vertebración do concello.

Con esta asignación orzamentaria o PP da Estrada tira terra sobre a Variante e renuncia a executala, polo menos nos próximos cinco ou dez anos, xa que para 2014 non hai cifra algunha prevista, como acontecía en orzamentos anteriores.

Con todo, o BNG presentará emendas a estes orzamentos como xa fixemos en anos anteriores, porque entendemos que esta obra é imprescindíbel para o desenvolvemento da Estrada.

Por outra parte, en xeral, estes orzamentos son os orzamentos da resignación, un adianto de novos axustes reservados para despois das eleccións do 21 de Outubro, vencellados á petición dun segundo rescate, que van ser especialmente lesivos para os sectores máis desfavorecidos como os pensionistas.

Advertisements