López, Feijóo e Rajoy son fariña do mesmo costal, din unha cousa e fan a contraria


Hoxe o BNG iniciou inaugurou en Orazo a súa serie de actos públicos polas parroquias do concello. O portavoz municipal nacionalista, Xosé Magariños, afirmou perante os veciños e veciñas desta parroquia que “o PP, ao igual que fixera López nas municipais, preséntase cun programa electoral oculto, no que, detrás de boas palabras e intencións, agóchanse máis recortes sociais e políticos”.

O concelleiro do BNG explicou que “o PP nas municipais non dixo nada de subir a contribución, e hoxe, logo de eliminar a bonificación aprobada en 2004 polo BNG, e logo de que o goberno de Mariano Rajoy elevara o tipo impositivo do IBI, este ano pagamos o doble no recibo da contribución, e para o vindeiro ano, un 140% máis a respecto de 2011”.

“Tampouco dixo nada Feijóo de subir os impostos e hoxe pagamos máis pola auga, que hai un ano, polo Lei de Augas aprobada polo PP, e que o BNG se encargará de derogar no caso de que goberne a partires do 21 de outubro”, explicoulles Magariños aos veciños de Orazo.

“López, Feijóo e Rajoy son fariña do mesmo costal, din unha cousa e fan a contraria”, afirmou Xosé Magariños. “Agora non falan de recortes, pero se gana o PP, haberá recortes moi duros para contentar aos mercados”, engadiu o concelleiro do BNG.

“Por iso que temos que facerlles frente, temos que votar BNG masivamente para gobernar nós a nosa terra, e non que a gobernen os mercados ou desde Madrid”, afirmou o concelleiro nacionalista.

“Temos que poñer esta terra a producir, os noso gandeiros teñen que ter un prezo xusto polo leite que venden, en non un prezo de hai 20 anos, como o que están a pagar as industrias leiteiras”, afirmou Xosé Magariños.

“Neste sentido, o BNG preséntase ás eleccións cun programa asentado en tres pilares: traballo, democracia e soberania”, explicou o concelleiro do BNG, “e se temos responsabilidades de goberno o pobo galego terá a seguridade de que o Bloque cumpre co que di, como xa ten demostrado en moitas ocasións”.

Advertisements