O Val de Vea é o exemplo perfecto das promesas incumpridas e do despilfarro do PP


Hoxe a caravana electoral do BNG da Estrada desprazouse ao colexio do Souto de Vea para un acto público cos veciños e veciñas do Val de Vea, un acto no que interviron Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG e candidato ao Parlamento Galego, e Xosé Manuel Baños, responsábel local do BNG e veciño de Santo André de Vea.

Para Xosé Magariños, “o val de Vea é o exemplo perfecto das promesas incumpridas e do despilfarro do PP”. “Os veciños e veciñas do Val de Vea, especialmente os de Santo André de Vea e San Xurxo, levan anos reclamando o arranxo da estrada Portela-Souto de Vea”, afirmou o concelleiro do BNG, “e a día de hoxe, e malia os anuncios do alcalde e a deputación, o único que sabemos é que cada día está peor”, afirmou Magariños.

“Por outra parte,”, engadiu o candidato do BNG ao Parlamento Galego, “o centro médico do Souto de Vea, aínda carece do paso subterráneo reiteradamente anunciado, por certo, unhas medidas de seguridades reclamadas no seu día polo BNG”, explicou o concelleiro nacionalista.

“E os gobernos austeros do PP, tanto na Xunta como no Concello, teñen abandonado o centro ictioxénico de Couso, un centro que custou máis de 600.000 mil euros”, explicou o concelleiro do BNG, “isto non é austeridade, isto é despilfarro”.

“Pero teño que recoñecer,” afirmou o portavoz municipal do BNG, “que os do PP fixeron algo ben, a Deputación de Pontevedra aspirou as pedriñas da estrada Couso-Barcala para que puidera pasar a volta ciclista a España, por certo, unha estrada tamén inacabada, como moi ben saben os veciños da parroquia de Barcala”.

Xosé Magariños explicou aos veciños e veciñas presentes no acto público “que desde 2009 o goberno de Feijóo truncou moitos cambios que se estaban a dar en Galiza da man do BNG, tamén no val de Vea, os veciños sábeno ben; durante ese período non só se iniciaron concentracións parcelarias (Monte de Val de Vea II), acondicionáronse camiños, traídas de auga, e toda unha serie de obras que melloraron a calidade de vida de todas e todos”.

“O 21 de outubro temos a oportunidade reiniciar ese camiño co BNG, que non pode ter volta atrás, e temos, ademais a oportunidade de parar os recortes de Mariano Rajoy, porque votar a Feijóo, é votar os recortes do goberno de Madrid”, explicou Xosé Magariños.

Pola súa parte, Xosé Manuel Baños, responsábel local do BNG, explicou “que o goberno de Feijóo foi o peor goberno da historia de Galiza, e que non merece sacar unha nova maioría absoluta”. “Neste sentido,” engadiu Baños “o BNG é a mellor alternativa, cun programa centrado no país, centrado en Galicia, centrado na defensa dos seus sectores produtivos, e, como di noso portavoz nacional, co corazón na esquerda”.

Advertisements