“Hai quen está moi interesado en que a xente non vaia a votar”


Hoxe o BNG celebrou na parroquia de Souto o cuarto mitin desta campaña electoral no lugar de Montillón, parroquia de Souto. Xosé Magariños aproveitou este acto público cos veciños da parroquia para criticar a decisión da xunta electoral de eliminar a mesa de Arnois como mesa electoral.

“Non pode ser, que nun concello tan extenso como o da Estrada, elección tras eleccións se estean a suprimir mesas electorais, dificultando enormemente o dereito ao voto de todos os veciños e veciñas”, explicou Magariños. “Desta volta tocoulle á mesa de Arnois, que agora terán que votar en Oca, mañá pódelle pasar a Souto”, engadiu o portavoz municipal do BNG.

“Queren impedir calquera cambio de políticas, como as que está a propoñer o BNG, pero o cambio é imparábel”

“Hai parroquias na Estrada cuxos veciños teñen que desprazarse máis de 10 Km entre ida e volta para poder exercer o seu dereito ao voto”, explicou Xosé Magariños, “un feito inaceptábel en calquera democracia, xa que hai moita xente, sobre todo maior que vai ter serias dificultades para votar o 21 de outubro”.

“Hai quen está moi interesado en que a xente non vaia a votar”, denunciou o concelleiro nacionalista, “queren impedir calquera cambio de políticas, como as que está a propoñer o BNG, pero o cambio é imparábel”.

“Pero non o van a conseguir,” explicou Xosé Magariños, “mentres outros están parados, nós os nacionalistas estamos a pedir o voto casa por casa no concello da Estrada, cuxos veciños nos manifestan a necesidade imperiosa de mudar esta situación, e isto só é posíbel se se concentra todo o voto nacionalista, galeguista e progresista en torno ao BNG”. “Co BNG si é posíbel un cambio de rumbo”, enfatizou o concelleiro nacionalista.

Advertisements