Votar PP é votar parálise económica e recortes


A cinco días de que remate a campaña electoral, o BNG organizou esta tarde un acto público na parroquia de Codeseda. Xosé Magariños, concelleiro do BNG e candidato, aproveitou este evento para por en valor o traballo desenvolvido na parroquia no tempo que os nacionalistas dirixían a Consellaría de Medio Rural.

“En Codeseda cun potencial claro no sector agro-gandeiro, era unha das últimas parroquias da Estrada que non tiña feita a concentración parcelaria”, explicou Magariños. “Hoxe, e grazas ao BNG, xa se pode dicir, que hai futuro na parroquia, xa que fomos nós, os nacionalistas, os que impulsamos esta concentración parcelaria tan necesaria na parroquia”.

“Pero para valorar o que implicaron estes case que catro anos de goberno do PP,” engadiu o concelleiro do BNG, “non temos máis que comparar a inversión no noso concello na etapa na que o BNG estivo no goberno galego e a inversión do goberno do Sr. Feijoo, o goberno do PP”. “Así,” explicou o concelleiro nacionalista, ”o investimento nesta etapa foi de 52.994.360 €, pola contra o goberno do PP paralizou a autovía, a circunvalación da Estrada, a cidade do moble, fai todo o posible para pechar centros médicos no rural e iniciou o desmantelamento de moitas oficinas que ofrecían servizos importantes a poboación do rural”.

“O 21 de outubro podemos seguir a senda da parálise e dos recortes do Partido Popular, ou podemos apostar polo futuro das propostas do BNG, centradas no país”, afirmou o concelleiro nacionalista.