Bieito Lobeira afirma na Estrada que “hai unha solución, hai un futuro para o noso país e só pode vir da man do BNG”


Xosé Magariños “no PP están nerviosos, saben que poden perder a maioría absoluta, por iso o 21 de outubro todos e todas temos que concentrar o voto nacionalista e de esquerdas en torno ao BNG; que non pase o das municipais, que un puñado de votos decidiu a maioría absoluta do PP”

Intervención de Xosé Magariños

Hoxe xoves o BNG da Estrada celebrou o seu mitin central desta campaña electoral, que practicamente pon fin a quince días nos que os nacionalistas levaron as súas propostas ao rural do noso concello.

Neste acto, a parte de Xosé Magariños, concelleiro do BNG, tamén interviron Mar Vila López, candidata e concelleira en Dozón, e Bieito Lobeira, candidato e ex-deputado no Parlamento Galego.

Xosé Magariños, que interveu en primeiro lugar, subliñou que “o BNG preséntase perante a cidadanía con propostas claras, nós non temos un programa oculto como o PP. E non nos enganemos, López, Feijóo e Rajoy son fariña do mesmo costal, din unha cousa e fan a contraria, como xa vimos unha vez que pasaron as eleccións municipais e as de Madrid, que nos subiron a contribución o dobre, o que está a causar graves prexuízos a moitos dos nosos veciños e veciñas, e todo para construír un campo de fútbol que non necesitamos para nada”.

“Énchense de facer promesas que logo non cumpren e, ademais, xa coñecemos as súas receitas unha vez que se fan co poder: subida de impostos, perda de dereitos, degradación dos servizos públicos, incremento do paro ou emigración son algunhas das sorpresas coas que nos agasallaron”, explicou o concelleiro do BNG, “ese é o programa do PP”.

Intervención de Bieito Lobeira

O portavoz municipal tamén subliñou que “nestas eleccións non só nos enfrontamos a quen despreza a lingua e a cultura galegas, que son a nosa identidade, senón a quen non quere levar adiante obras importantes para o noso concello como a circunvalación, o PXOM, a cidade do moble e un longo etc, enfrontámonos, digo, a quen representa o apoio á banca privada, aos que abandonan á súa sorte a cidadáns indefensos (sexan os estafados polas preferentes ou os nosos gandeiros e gandeiras), aos que desertan da súa obriga de protexer e fomentar os sectores produtivos fundamentais do noso país (como por exemplo o naval, o agrícola…); en resumo, a quen incumpre o papel que o pobo galego lle confiou.”

Xosé Magariños fixo unha chamamento ao voto a todos os veciños e veciñas da Estrada, “non podedes quedar na casa, lembrade o que aconteceu nas eleccións municipais, temos un goberno do PP por seis votos; o voto que quede na casa implica que eles gañan; se non se vota BNG, eles gañan. E neste momento saben que teñen as eleccións perdidas, fixádevos como durante toda a campaña non fixeron mitins polo rural e agora, nestes últimos días, é cando lles veu a présa en facelos; as eleccións están totalmente abertas e eles sábeno, a pesar de todas as enquisas que saen nos diferentes medios de comunicación case a diario.”

Na súa intervención Mar Vila defendeu “o dereito do pobo galego a defender os seus intereses alí onde estean en xogo, ninguén mellor ca nós as defenderá”. “O BNG aposta por un sistema de financiamento que asegure, a través dunha fórmula de concerto entre Galiza e o Estado, a autonomía financeira real, non queremos vivir de prestado, queremos que as grandes empresas como Citröen ou Inditex coticen en Galiza e non en Madrid”, explicou a candidata Mar Vila.

“Queremos un sistema de financiamento que nos permita por Galiza a producir, queremos que lle paguen aos gandeiros e gandeiras un prezo xusto polos seus produtos, queremos que construír barcos e ter unha industria potente, non queremos vivir de esmolas” apostilou a concelleira de Dozón.

Intervención de Mar Vila

Intervención de Mar Vila

O candidato pola provincia de Pontevedra e ex deputado Bieito Lobeira, tamén interveu esta tarde no acto público da Estrada no que quixo tirar a careta do PP e desvelar todas as mentiras que veñen espallando dende o goberno nos últimos anos.

O candidato asegurou que “a situación de Galiza non é irremediábel, como nos queren facer crer. Hai unha solución, hai un futuro para este país que está cheo de potencialidades e ese futuro só pode vir da man do BNG, a única forza política cun proxecto de futuro real para Galiza”.

Lobeira lembrou que sectores como o agrogandeiro teñen un elevado potencial. “Sabemos traballar e temos materia prima”, continuou, “logo o problema é político porque temos uns dirixentes que non cren no país e non apostan polo seu futuro. En lugar de apoiar ao sector córtanlle as ás e póñenlle trabas”.

Tal e como enfatizou Bieito Lobeira “non queremos unha Galiza que dependa da caridade do Estado, senón un país con cidadáns e cidadás libres que decidan o seu futuro, cun goberno que os apoie e traballe con e por eles”.

Sobre a longa lista de mentiras que o PP vén espallando, Bieito Lobeira mencionou algunhas como as promesas que afectan máis directamente á comarca. “Prometen mellorar as infraestruturas e logo apenas adican cartos para a autovía a Santiago ou a variante. Nin dende Galiza nin dende Madrid apoiaron ás infraestruturas. Prometen baixar impostos e acabades pagando o dobre pola contribución. Minten unha e outra vez”.

Advertisements