O PP presenta un vídeo electoral no que amosa o pobre investimento da Xunta no noso concello


“Que en tres anos e medio presenten un balanzo tan pobre debía poñelos colorados se o comparamos co do BNG nos anos que gobernou a Xunta de Galiza”

O PP acaba de publicar un vídeo no que fai publicidade as obras realizadas nos últimos tres anos no noso concello.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirmou que “este vídeo non pode ser máis ilustrativo do ninguneo do PP ao noso concello”. “Que en tres anos e medio presenten un balanzo tan pobre debía poñelos colorados se o comparamos co do BNG nos anos que gobernou a Xunta de Galiza”, engadiu o concelleiro.

Máis de 52 millóns de euros en investimentos para a Estrada avalan a nosa xestión ao frente das distintas consellarías no período 2005-2009”, explicou o portavoz municipal. “Concentracións parcelarias no Monte do Val do Vea e a de Codesesa, a traída de auga de Couso, asfaltado de camiños rurais en todo o concello, a Cooperativa Monte Cabalar, a rehabilitación dos muíños de Vesacarballa en Sabucedo, etc, etc, etc., este é o balanzo do BNG”, afirmou o concelleiro nacionalista.

“Por outra parte, da autovía Santiago-A Estrada nada se sabe; a cidade do móbel aínda segue a ser un proxecto sobre o papel; e que dicir da Variante, dependente do Estado? 5.000 euros que son un insulto á intelixencia de todos os estradenses”, afirmou Xosé Magariños.

“E para máis INRI, para que nos deamos conta da pobreza da xestión do goberno Feijóo, presentan no mesmo vídeo unha escola infantil de Silleda feita polo BNG no período do bipartito”, explicou Xosé Magariños.

O concelleiro do BNG rematou as súas declaracións aos medios facendo unha chamamento á participación nas eleccións do domingo “o futuro depende de todos nós, a política é a arma que temos como sociedade para defendernos; e os estradenses temos que defendernos do ninguneo e da parálise da Xunta de Galiza na Estrada; en Bloque, podemos!”.

Advertisements