O BNG esixe a demisión do Alcalde como responsábel da nula xestión urbanística da Estrada


A Estrada retrocede 34 anos en materia urbanística por mor deste fallo do Tribunal Supremo

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, e Raquel López Doce, membro do consello local do BNG, compareceron hoxe en rolda de prensa para explicar o posicionamento dos nacionalistas a respecto do fallo do Tribunal Supremo, que afecta ao urbanismo da Estrada.

Xosé Magariños explicou que o Alcalde é o responsábel máximo desta situación de parálise urbanística que, por mor do fallo do Tribunal Supremo, que fai retroceder 34 anos ao noso concello en materia urbanística. O concelleiro do BNG subliñou que con esta sentenza non se poderá construír absolutamente nada no rural, que queda completamente paralizado, e na vila instáurase a lei da selva, unha situación que favorece intereses concretos de determinadas persoas.

Os representantes do BNG subliñaron que o PP, debido aos seus intereses partidarios, cando estaba na oposición torpedeou calquera evolución que se puidera dar no urbanismo da Estrada, e agora no goberno leva ano e medio se facer absolutamente nada. Esta situación ten culpábeis, o Alcalde da Estrada, como responsábel máximo do urbanismo estradense -ten asumidas as competencias nesta materia, a parte de ser o rexedor municipal-, por iso o BNG esixe a súa dimisión inmediata, xa que, ante a falta dun documento urbanístico, esta situación era previsíbel que acontecera.

Ter un plan urbanístico é esencial para dinamizar a vida económica da Estrada, e o PP, por favorecer determinados intereses, condena A Estrada ao ostracismo e á parálise económica.

Advertisements