O BNG apoia a permanencia da oficina de NovaGaliciaBanco no Val de Vea


O rural estradense esmorece e perde servizos ante a pasividade do Alcalde e a Xunta de Galiza

Sucursal de NovaGaliciaBanco no Souto de Vea

Sucursal de NovaGaliciaBanco no Souto de Vea

O BNG da Estrada, a través do seu portavoz municipal, Xosé Magariños, apoia a reivindicación dos veciños e veciñas do Val de Vea a respecto do mantemento da sucursal de NovaGaliciaBanco no Souto de Vea.

O concelleiro do BNG afirmou que “secundaremos calquera mobilización que organicen os veciños, así que amosamos todo o noso apoio para conseguir que a sucursal bancaria de referencia en todo o Val de Vea siga aberta, xa que é unha oficina próxima aos veciños que ofrece un servizo importante a industrias e comercios da zona”.

Por outra parte, Xosé Magariños engadiu que “como xa denunciamos en febreiro de 2011, cando estaba en xogo a sucursal de Codeseda, que finalmente pechou, isto é consecuencia da concentración bancaria pactada e executada por PP e PSOE desde o goberno central, unha concentración que busca reducir custes, pechando sucursais e botando traballadores ao paro”.

“Por outra parte”, explicou o concelleiro nacionalista, “estamos vendo como lentamente o rural está esmorecendo e perdendo servizos sen que as autoridades competentes tomen medidas”. “Xa non é só que non se poida construír no rural por culpa dun Alcalde incompetente, senón que o sector agro-gandeiro esmorece ante o pasotismo da Xunta de Galiza en mans do Partido Popular”, denunciou Xosé Magariños.

“Por iso”, engadiu o portavoz municipal do BNG, “quero recordarlle ao Alcalde que xa é hora de pasar das boas palabras aos feitos, porque boas palabras tamén as houbo cando estaba en xogo a sucursal de Codeseda, e finalmente esta pechou”.

Advertisements