A apisoadora do PP machaca a Variante e o Pazo de Guimarei


O Alcalde volve a poñer por diante os intereses de partido no canto dos intereses do pobo da Estrada

O BNG da Estrada, como vén sendo habitual, presentou diversas emendas aos orzamentos do Estado para que sexa unha realidade a Variante da Estrada e para recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei.

Neste sentido, o BNG, a través das súas deputadas Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez Fernández, presentou emendas de 8.000.000 de euros para a Variante da Estrada, e 600.000 euros para a recuperación da Torre e o Pazo de Guimarei.

As emendas presentadas polo BNG melloran substancialmente o consignado polo goberno de Mariano Rajoy nos orzamentos do Estado para a Variante, que só adica 5.000 euros, unha cifra ridícula e insultante co pobo da Estrada.

Por outra parte, os 600.000 euros da Torre e o Pazo de Guimarei pretenden recuperar un espazo e uns edificios históricos, en estado ruinoso tal e como reflicte algún cartaz, que avisa do perigo de derrube da estrutura.

Porén, malia ser demandas amplamente secundadas polos veciños e veciñas da Estrada, mesmo polo Partido Popular e o Alcalde, que non hai moitos meses amosaba a súa preocupación polo escaso investimento na Variante, o partido de Mariano Rajoy votou en contra das emendas do BNG, liquidando calquera posibilidade de construír a Variante e a de recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei.

Unha vez máis, o Alcalde volve a poñer por diante os intereses de partido no canto dos intereses do pobo da Estrada. E unha vez máis veremos como o Alcalde fai e fará declaracións de intencións a respecto da Variante e da Torre de Guimarei, mais todo ficará en nada, como xa nos ten acostumados o Sr. López e o Partido Popular, que venden máis fume que feitos.

Porén, o BNG non se resigna nin tirará a toalla sobre estas dúas cuestións cruciais para o pobo da Estrada. Porque merecemos unha comunicacións mellores, e porque queremos recuperar un espazo que é parte da nosa historia, o BNG da Estrada demostra unha vez máis a súa iniciativa e a súa preocupación pola Estrada e os seus veciños e veciñas, outros terán que dar explicacións sobre a súa parálise e a súa falla de compromiso.

Advertisements