A Torre e o Pazo de Guimarei caen a cachos ante a pasividade do PP


Os nacionalistas queremos converter a Torre e o Pazo nun espazo cultural, lúdico e festivo, o que ten unha enorme potencialidade de criar emprego no noso concello

O deterioro do Pazo e a Torre son xa moi evidentes

O deterioro do Pazo e a Torre son xa moi evidentes

O BNG vén de denunciar o abandono e o desleixo do propietario da Torre e o Pazo de Guimarei, así como do Partido Popular que reiteradamente rexeita as emendas dos nacionalistas aos orzamentos da Xunta e o Estado para recuperar este espazo de interese histórico e cultural.

Nunhas fotos repartidas polo BNG a todos os medios da localidade, pode observarse os derrubes da estrutura, así como carteis avisando do perigo dos desprendementos que se poidan producir.

Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG, declarou aos medios que “esta situación ten culpábeis que esconden a súa responsabilidade detrás de boas palabras e boas intencións que quedan en nada, como reiteradamente se pon de manifesto ao ser rexeitadas as emendas do BNG para recuperar a Torre e o Pazo”.

“O PP e o Alcalde teñen a pelota no seu tellado, gobernan en todas as administracións que poden facer algo ao respecto (concello, deputación, Xunta e Estado), se deixan caer esta estrutura histórica é por desleixo e irresponsabilidade, non porque non poida nin porque non teñan recursos para facer algo ao respecto”, afirmou o concelleiro nacionalista.

“No BNG queremos recuperar a Torre e o Pazo para uso e disfrute de todos os veciños e veciñas da Estrada, queremos convertelo nun espazo cultural, lúdico e festivo, o que ten unha enorme potencialidade de criar emprego no noso concello”, explicou Xosé Magariños.