O concello faise cargo de obras que son competencia da Deputación de Pontevedra, e que esta tiña que ter executado hai moito tempo


“É como se co famoso Plan E o noso concello decidira investilo na construción da Variante da Estrada”

Beirarrúas de Codeseda

Beirarrúas de Codeseda

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha para este 2012 que xa está rematando o Plan de Investimentos e Gastos Correntes, unha serie de subvencións á disposición dos concellos coas que podían acometer, como o seu propio nome indica, unha serie de gastos e investimentos.

Neste sentido, a Xunta de Goberno do 29 de outubro aprobou destinar estas subvencións da Deputación a unha serie de investimentos que son competencia do concello; pero, na mesma Xunta de Goberno, e con cargo ao mesmo Plan de Investimentos e Gastos Correntes das Deputación, tamén se aproba unha par de obras que son competencia exclusiva da Deputación de Pontevedra, e que está tiña que ter acometido hai moito tempo. En concreto, aproban a construción das beirarrúas de Codeseda, por importe de 59.999,99 €, e a ponte sobre o regato Caldeirón en Barcala, por un importe de 150.000 €.

A este respecto, o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños declarou que “desde o punto de vista veciñal, xa eran horas de que se acometeran esas obras, que por desidia e abandono non executou a institución provincial no seu día, algo que en reiteradas ocasións ten denunciado o BNG”.

“Porén,”, engadiu o concelleiro do BNG, “non é de recibo que o concello, que o noso alcalde, salve os móbeis á Deputación de Pontevedra, responsabilizándose dunhas obras que non só son competencia deste organismo presidido por Louzán, senón que se van a executar en infraestruturas dependentes da Deputación”.

“O concello ten moitas necesidades e outras prioridades que andar pagándolle as obras que ten que acometer a Deputación de Pontevedra”, afirmou o concelleiro nacionalista.

“Se se me permite a comparación”, explicou Magariños, “é como se o famoso Plan E, unha serie de cartos que o Estado puxo a disposición da administración local, o noso concello decidira investilos na construción da Variante da Estrada, unha infraestrutura que depende da administración central, que como sabemos para o ano que vén non hai nin un can”.

“Isto é algo absurdo e inédito na Estrada”, afirmou o concelleiro do BNG, “desde cando o concello se responsabiliza de obras que ten que facer a Deputación, en infraestruturas que son da súa competencia?”, preguntouse o portavoz municipal do BNG.

“O Alcalde e a Deputación teñen que dar unha explicación por esta chapuza, que xera moitas dúbidas sobre quen é o responsábel final destas obras”, declarou o concelleiro do BNG.

Advertisements